A Fundación TIC filmou os actos conmemorativos do 150 aniversario da Banda de Música de Chantada
![](/sites/deputacionlugo.org/files/Imagenes/0_13027_1.jpg)
Un equipo da Fundación TIC filmou este sábado os actos conmemorativos do 150 aniversario da Banda de Música de Chantada, unha das máis antigas de Galicia. As cámaras da TIC realizaron a gravación íntegra do concerto homenaxe a Padroa da agrupación musical, Santa Icía, no auditorio municipal.
O equipo da TIC gravou tamén a exposición fotográfica 150 anos de música, na Casa da Cultura, e varias entrevistas a persoas vinculadas á entidade. O material audiovisual quedará recollido nun documental sobre a historia da Banda de Chantada, que os irmáns Manuel e Antonio Fernández, Os Ferraias, fundaron no ano 1865.
No recoñecemento á traxectoria da agrupación participaron músicos de todas as etapas, entre eles, o trombonista Manuel Fernández, O Piñeiro, e o clarinetista Antonio Ledo, O Rato, de 90 e 87 anos de idade respectivamente. Tamén asistiron os descendentes dos creadores da Banda e autores da afamada Muiñeira de Chantada.
A TIC a prol da cultura
A Fundación TIC ten subscrito un convenio de colaboración coa Banda de Chantada a prol da promoción que fan da música e da cultura na provincia, coa divulgación de iniciativas como o Campus musical e artístico Ventos do Norte, do que xurdiu á rodaxe dunha curta sobre a agrupación.
Na actualidade, son 150 as ONGs, asociacións culturais, agrupacións veciñais, e entidades deportivas que a TIC apoia coa realización de traballos audiovisuais, que permiten completar a formación teórica dos estudantes da Escola de Imaxe e Son de Lugo, e favorecer a súa inserción laboral.