Deputación de Lugo

O Goberno Provincial traslada o seu apoio aos gandeiros

Imaxe deputación de lugo
- Fixo oficialmente no día de hoxe logo de que onte o Presidente estivese cos gandeiros que están concentrados cos seus tractores na Rolda da Muralla - García Porto destacou que “o PP non ter vergoña. Di lamentarse das tractoradas, cando debería lamentarse de que 2 explotacións pechen ao día polo abandono dos gobernos do Partido Popular en Madrid e Galicia” - “Os gandeiros saen á rúa porque Rajoy, Tejerina, Feijóo, Quintana ou Raquel Arias enganáronnos co pacto lácteo. Como poden explicar que os cidadáns pagamos un mínimo de 4 céntimos máis polo litro de leite e isto non repercuta nos produtores”

O Goberno Provincial traslada oficialmente o seu apoio aos produtores de leite, que volven a estar concentrados cos tractores na Rolda da Muralla. Así o dixo este venres a vicevoceira provincial socialista, Pilar García Porto, durante a rolda de prensa da Xunta de Goberno. O Presidente, Darío Campos Conde, estivo onte cos gandeiros. 

García Porto valorou que as declaracións da Delegada da Xunta en Lugo e subliñou que “o PP demostra non ter vergoña. Raquel Arias di lamentarse das tractoradas, cando debería lamentarse de que dúas explotacións pechen ao día, uns 80 ao mes aproximadamente, polo abandono dos gobernos do PP en Madrid e Galicia”.

“Os gandeiros saen á rúa porque Rajoy, Tejerina, Feijóo, Quintana ou Raquel Arias enganáronnos cun falso pacto lácteo que os deixa na ruína e beneficia aos de sempre. Como poden explicar que os cidadáns paguemos un mínimo de 4 céntimos máis polo litro de leite nos supermercados tras o pacto lácteo e que isto non estea a repercutir no peto dos produtores”, preguntou.

“O PP ten tanta cara que presume de investir no Ave en Galicia, cando privan del aos lucenses e fan que Lugo sexa a única provincia de Galicia sen estación intermodal. A marxinación do PP con esta provincia é tal, que ata nos privan de Hemodinámica as 24 horas, do que nada sabemos, ou de Radioterapia, que de ter algún día este servizo todo fai indicar que será privado porque a sanidade pública e de calidade non entra nos plans do PP”, engadiu.