Deputación de Lugo

Goberno e oposición acordan consensuar con Concellos e axentes sociais novas melloras no servizo de Teleasistencia

- O Deputado convocou unha xuntanza para abordar este asunto o vindeiro 14 de xuño. Nela participarán todos os grupos do organismo provincial, Alcaldes, traballadores sociais dos Concellos e colexio profesional de Traballadores Sociais - Santos Ramos subliñou que “decidimos realizar este encontro para elaborar unha ordenanza consensuada entre os axentes implicados neste servizo para que se axeite o máximo posible á situación da provincia” - O Goberno Provincial xa introduciu melloras neste servizo como o aumento de prazas, chegando a ofrecer ata 1.555 prazas gratuítas, e incluíndo criterios sociais e sanitarios para a concesión das mesmas

O Deputado de Promoción Económica e Social, Álvaro Santos Ramos, mantivo este luns un encontro coa Deputada do Partido Popular, Mari Teijeiro, co fin de incluír melloras no servizo de Teleasistencia na provincia de Lugo. Esta xuntanza ten lugar logo de que o Goberno provincial decidise no Pleno do mes de maio deixar sobre a mesa a ordenanza deste servizo co fin de presentala “co maior consenso e celeridade posible” destacou o Deputado.

Santos Ramos subliñou que “chegamos ao acordo de convocar unha reunión o vindeiro 14 de xuño, ás 11:00 horas no Pazo de San Marcos, na que participarán todos os grupos da Corporación, alcaldes da provincia, traballadores sociais que fan o traballo nos Concellos da provincia, así como co colexio profesional de Traballadores Sociais de Lugo, co fin de facer unha ordenanza que satisfaga a todos os implicados no servizo”.

Mari Teijeiro agradeceu a decisión do goberno de deixar sobre a mesa esta ordenanza no pleno “co fin de incluír aos profesionais do sector na elaboración da mesma”. A Deputada puxo en valor tamén a “boa vontade do Deputado de sacar para adiante este servizo de vital importancia para os maiores da provincia, sobre todo os do rural”.

Melloras do Goberno Provincial
O Goberno Provincial levou ao Pleno unha ordenanza do servizo de Teleasistencia no que xa se incluían melloras nesta prestación, pero decidiuse deixar na mesa esta proposta para elabora unha ordenanza máis consensuada. As melloras que a Deputación introduciu neste servizo son:

1.- Máis prazas. Increméntanse o número de prazas, ofrecendo máis de 500 novas. Das 917 que hai hoxe, a Deputación poderá financiar ata 1.555 prazas en toda a provincia.

2.- Un servizo máis social. Actualízanse os baremos para a concesión de prazas e  introdúcense baremos psicosociais e psicosanitarios. Na actualidade, os criterios para obter unha prazas son a idade, ingresos, apoios familiares, saúde ou grao de discapacidade. Estes mantéñense pero engádense outros como ámbito, acceso ou condicións da vivenda (por exemplo, terase en conta o lugar onde viven os posibles usuarios para primar aos do rural ou os de vivendas lonxe de núcleos poboacións, de difícil acceso...); grao de soidade; capacidade na toma de decisións ou situación familiar.

3.- Un servizo máis profesional e humano. Serán os propios traballadores sociais os que valoren estes novos criterios. É dicir, as persoas que teñen un contacto directo cos usuarios. Polo tanto, a concesión de prazas non será un mero trámite administrativo dende a institución correspondente (Deputación de Lugo ou Concellos), pois os profesionais deste sector serán os encargados de valorar a necesidade da concesión destas prazas unha vez coñecida situación sanitaria e social dos demandantes nos propios fogares. Conséguese un servizo máis profesional e humano.

4.- Máis cooperación cos Concellos e facilidades para os demandantes. Na actualidade, son poucos os traballadores sociais que dispoñen os Concellos, pois trátase de persoal que subvenciona a Xunta de Galicia e que comparten varios municipios. Nin son traballadores propios, nin individuais para cada entidade local. A Deputación pon a disposición dos Concellos o seu propio persoal para, por exemplo, elaborar os informes sociais dos demandantes. Ademais, facilita aos usuarios tramitar a solicitude de prazas directamente na Deputación de Lugo. Tamén poden facelo nos seus propios Concellos.
 
Gratuíto e para todos
A Deputación presta na actualidade un servizo gratuíto de Teleasistencia a 917 lucenses, que son dependentes, simplemente maiores ou persoas que sofren algunha limitacións en canto a súa autonomía. É unha prestación para todos. Permite unha asistencia inmediata nos seus propios fogares a través dun sinxelo dispositivo telemático. Tamén ofrece unha prestación denominada “Axenda”, que permite o contacto directo e diario vía telefónica dos traballadores sociais cos usuario para, por exemplo, coñecer o seu estado ou se seguen as recomendacións médicas.