Deputación de Lugo

Os estudos dos técnicos da Deputación posibilitan reducir en 1,1 millóns os gastos enerxético do Concello de Lugo

Imaxe deputación de lugo
- A Xunta de Goberno aprobou renovar o convenio para que os traballadores públicos da Axencia Provincial da Enerxía continúen coa revisión da facturación eléctrica - Revisáronse 8.000 facturas do alumeado público e das instalacións municipais, e elaborou un informe con recomendacións para reducir os custos eléctricos - Outros 47 municipios sumáronse ao plan gratuíto de revisión da facturación eléctrica e acadaron un aforro medio de 230.000 euros, un 25% da súa factura eléctrica

A Xunta de Goberno deste venres aprobou renovar a colaboración co Concello de Lugo na revisión da facturación eléctrica. A vicevoceira provincial socialista, Pilar García Porto, explicou que “a renovación deste convenio permitirá que os traballadores públicos da Axencia Provincial da Enerxía da Deputación continúen cos estudos que están a realizar para reducir os custos enerxéticos do municipio lugués. Os primeiros resultados destas avaliacións son moi positivos, pois posibilitan un aforro anual de 1.120.000 euros en gastos enerxéticos”.

A vicevoceira explicou que os técnicos da Axencia Provincial da Enerxía colaboraron neste eido co Concello de Lugo e con outros 47 da provincia que voluntariamente se sumaron ao plan gratuíto da revisión da facturación eléctrica.

No municipio lugués, estes traballadores públicos revisaron 8.000 facturas, dos máis de 600 contratos eléctricos, relativas tanto ao alumeado público, como a todas as instalacións do Concello (Casa Consistorial, instalacións deportivas, locais sociais...).

Os técnicos provinciais detectaron erros das empresas eléctricas na facturación. Por exemplo, nun 7% das facturas revisadas hai erros en aspectos como a aplicación de prezos ou as lecturas de enerxía que derivan en sobrecustos de ata o 20%.

En base á revisión das facturas, elaborou un informe que contén unha análise da situación na que se atopan os diferentes subministros; os resultados pormenorizados da revisión e a análise da facturación; así como recomendacións técnicas sobre aspectos como a potencia contratada ou os consumos de enerxía activa, ademais da adecuación da contratación ás necesidades reais do consumo.

Estas recomendacións técnicas están encamiñadas a corrixir os erros detectados e acadar así unha xestión adecuada do consumo e o gasto eléctrico. Os técnicos valoran que a súa aplicación posibilitará un aforro anual para o Consistorio lugués de ata 1.120.000 euros en custos eléctricos.

“Hai que ter en conta que calquera aforro que se poida acadar nos gastos enerxéticos é especialmente significativo, posto que o custe eléctrico supón entre o 65 e o 90% do gasto enerxético total, e ata un 15% do orzamento total dunha entidade local”, indicou García Porto.

Outros 47 Concellos
O primeiro convenio co Concello de Lugo fíxose logo de éxito dos traballos da Axencia Provincia da Enerxía noutros 47 municipios lugueses de todas as cores políticas que decidiron adherirse ao plan de revisión da facturación eléctrica. Nunha primeira fase deste plan, os Concellos acadaron un aforro medio de 230.000 euros, que representan un 25% da súa factura eléctrica.