Deputación de Lugo

A Deputación asume o 40% do gastos dos GES, aforrando 350.000 euros aos Concellos e deixando a custe cero o servizo

- O Goberno aprobou, sen o apoio do PP, a modificación do convenio de Recadación coa que se aforra aos Concellos da provincia máis de 1 millón de euros, reducindo do 3 ao 1% á compensación dos tributos á Deputación - O Pleno aproba, en contra do Partido Popular, garantir no Regulamento Orgánico que a Deputación teña Orzamento Participativo, fixando así a participación dos veciños no orzamento provincial

O Pleno da Deputación aprobou por unanimidade que a Deputación asuma o 40 % dos custos dos GES, aforrándolle así aos concellos da provincia que teñen este servizo 350.000 euros, sendo a Xunta de Galicia quen asuma o 60% restante. Este acordo prodúcese logo de que o Goberno provincial presentase unha emenda á moción do Deputado non adscrito, que foi aceptada por ampliar as súas propostas. No acordo contémplase tamén solicitar á FEGAMP e a Xunta de Galicia que negocien unha addenda de modificación neste sentido do convenio que veñen de asinar ambas institucións coas 4 deputacións galegas. 

O voceiro do goberno, Álvaro Santos Ramos, destacou que “a Deputación asumirá esta partida sempre e cando exista partida orzamentaria para as anualidades 2016, 2017 e 2018 e, deste xeito, manteremos os 80 postos de traballo directos dos Grupos de emerxencias supramunicipais”.

Na sesión tamén se sacou adiante, sen o apoio dos 12 Deputados do Partido Popular, a modificación do convenio de Recadación, co que o Goberno Provincial aforrará máis de 1 millón de euros ao ano aos Concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, permitíndolle deste xeito aumentar os investimentos nos Concellos. Con esta proposta do equipo de goberno, redúcense do 3 ao 1% a compensación á Deputación dos tributos recadados, e entrará en vigor a partires do 1 de xaneiro de 2016.

Pola  contra, 13 Deputados opuxéronse á creación dun grupo de traballo para a elaboración de xeito consensuado dun anteproxecto ou texto novo do Regulamento Orgánico da Deputación, que sexa “máis garantista e ambicioso que o actual texto” destacou Santos Ramos.

Orzamentos Participativos

O Goberno provincial establece no Regulamento Orgánico que a Deputación teña Orzamento Participativo, e faino cos 12 votos en contra dos Deputados do Partido Popular, “o que demostra, unha vez máis, que o PP non quere que os veciños da provincia participen de xeito activo na toma de decisións desta institución” destacou a Deputada provincial, Pilar García Porto. Nesta liña, a Deputada explicou que “manteremos no orzamento de 2016 as prioridades que estableceron os 55.000 veciños que participaron nos orzamentos do ano pasado ao tempo que garantimos a participación directa dos cidadáns no presuposto provincial, fixando no Regulamento ese dereito”.

Outros acordos

O pleno da Deputación aprobou por unanimidade participar no financiamento as obras de humanización nas Avenidas da Mariña e Álvaro Cunqueiro do Concello de Foz. Tamén sacou adiante, desta vez co voto de calidade do Presidente, unha moción para instar á Xunta de Galicia a elaborar e desenvolver medidas reais para a creación de emprego para os mozos e mozas. Na sesión, aprobouse comezar cos tramites de as modificacións da Ordenanza Fiscal reguladora da taxa de autorización de obras situadas ás zonas contiguas ás estradas provinciais así como a da autorización para o aproveitamento especial dos bens de dominio público.