Deputación de Lugo

A Deputación felicita a APSNAIS polos seus 50 anos ao servizo das persoas con discapacidade intelectual

Durante a gala, proxectouse un vídeo da Fundación TIC no que usuarios, familiares, monitores e membros da directiva explican o labor realizado pola asociación lucense

O Presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, participou este venres no acto de conmemoración dos 50 anos de APSNAIS, que tivo lugar no Salón Regio do Círculos das Artes de Lugo. Campos Conde felicitou a este colectivo lucense polos seus “50 anos de incesante labor para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e facilitar a súa integración social, educativa e laboral”. 

“Como Presidente da Deputación de Lugo, estou moi satisfeito da colaboración que vimos mantendo con APSNAIS; unha entidade que naceu en 1966 para dar solución á incomprensión e ao illamento no que vivían daquela a maioría das persoas con discapacidade intelectual, especialmente no rural”.

“Durante anos, as persoas con discapacidade intelectual viviron recluídas nunha infancia permanente, e os seus dereitos como cidadáns non sempre foron recoñecidos. Por sorte, os avances sociais e as políticas que trouxeron os Gobernos progresistas, brindáronlles a oportunidade dunha maior autonomía”.

“Sen embargo, nos últimos anos, sufrimos continuos recortes en políticas sociais, dando axigantados pasos atrás no eido social. A brutal tixeira social foi unha grande dificultade, sen dúbida, a maior sufrida nas últimas décadas. Pero non foi un impedimento para que os profesionais, voluntarios e familias de APSNAIS continuásedes coa voso traballo”.

O Presidente subliñou que “dende hai 8 anos, temos un compromiso claro e decidido polos avances sociais, pola igualdade e a integración. Estamos orgullosos das nosas colaboracións sociais, como a cesión gratuíta das instalacións do antigo hospital San José á ASPNAIS; pois permitirá duplicar as vosas prestacións, ao tempo que pon en valor o patrimonio público, dándolle unha utilidade social”. 

“Considero que todas as administracións debemos recoñecer as cinco décadas de incesante traballo de ASPNAIS, implicándonos na mellora e ampliación dos  vosos servizos e, en definitiva, na mellora da calidade de vida das vosas familias. Creo que é de xustiza facelo”.

Campos Conde brindou a APSNAIS a colaboración permanente da Deputación e salientou que “estou seguro de que xuntos, administracións e familias, conseguiremos responder a unha das maiores demandas actuais da cidadanía: a xustiza social e a equidade. Unidos recuperaremos o noso dereito de ser tratado todos por igual, respectando as nosas diferenzas”.
Colaboración da Fundación TIC
Durante a gala proxectouse un vídeo de 14 minutos elaborado pola Fundación TIC no que usuarios, familiares, monitores e membros da directiva dan resposta, coa súa testemuña directa, a varias preguntas sobre a asociación: que é Aspnais, quen son os “chicos” de Aspanais e cal é o futuro da organización. A TIC tamén realizou dous spots, un en galego e outro en castelán, para dar unha maior difusión ao labor que desenvolven os talleres ocupacionais.

Estes traballos audiovisuais forman parte do convenio asinado entre o organismo dependente da Deputación e Aspnais co obxectivo de apoiar o importante labor social que desempeña esta ONG. A TIC colabora con máis 150 asociacións culturais, deportivas, agrupacións veciñais e entidades sen ánimo de lucro de toda a provincia.