Deputación de Lugo

“Máis alá dunha viaxe”. En marcha as rutas fluviais da Deputación pola Ribeira Sacra con máis de 4.000 reservas

- O Presidente inaugurou as rutas fluvias “Canón do Sil” e “Cabo do Mundo”, que funcionarán a partires de mañá e durante toda a Semana Santa ás 11:00 e ás 16:00 horas - Campos Conde remarcou que “isto é máis alá dunha viaxe. Con estas rutas fluviais dinamizamos a economía local dos 21 Concellos de Lugo e Ourense da Ribeira Sacra, beneficiando aos máis de 400 establecementos da zona. É unha aposta polo ecoturismo” - Vidal Baamonde explicou melloras realizadas como a posta en marcha dun servizo de atención integrada no que se inclúe a nova Central de Rerservas, a creación dunha oficina de turismo en Doade ou o incremento do persoal ata os 12 profesionais  

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, acompañado polo Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, autoridades e representantes de establecementos dos 21 Concellos de Lugo e Ourense que integran a Ribeira Sacra, inaugurou este venres as rutas fluviais  “Canón do Sil” e “Cabo do Mundo”, que a partires de mañá e durante todos os días da Semana Santa funcionarán ás 11:30 e ás 16:00 horas. O acto, que tivo lugar o embarcadoiro de Doade, tamén contou coa participación do cantante lucense David Prado, que interpretou o tema “Ribeira Sacra”.

Máis de 4.000 persoas xa adquiriron os seus billetes nos últimos días. Os interesados poden facelo dende  www.deputacionlugo.gal, pois na web provincial atoparán un banner que os levará á nova Central de Reservas que puxo en marcha o organismo provincial. Tamén se pode facer directamente en reservas.rutaembalses.es. Máis información de luns a domingo, de 08:30 a 20:30 horas, en catamaranes.turismo@deputacionlugo.org ou no 982-26-01-96.

Campos Conde destacou que “aproveitando a afluencia de visitantes á provincia durante a Semana Santa, poñemos en marcha estas dúas rutas fluvias da Deputación para que máis xente descubra a riqueza que compartimos as provincias de Lugo e Ourense: a Ribeira Sacra. No Miño, coñecerán as Aldeas de Ribeira, as Vides, a Praia da Cova ou a Illa de Maiorga, entre outras belezas. E no Sil, os Miradores de Pena do Castelo, Chelos, Cadeiras, Soutochao, as Ribeiras do Sil ou as vides de Amandi... Isto é máis alá dunha viaxe. Con estas rutas fluviais estamos a dinamizar a economía local dos 21 Concellos de Lugo e Ourense que integran a Ribeira Sacra, beneficiando, directamente, aos profesionais dos máis de 400 establecementos da zona. É unha aposta polo ecoturismo para xerar riqueza e emprego”.

O Presidente adiantou que, tras as melloras levadas a cabo nos propios catamaráns, logo da posta en marcha dun servizo de atención integral no que se inclúe a mellorada Central de Reservas, así como de habilitar unha oficina de turismo no embarcadoiro de Doade (que non existía), ou de incrementar o persoal especializado para a atención dos usuarios; o organismo provincial está a deseñar un plan de mellora das propias rutas.

Estúdase a posibilidade de facer novos percorridos con paradas noutros Concellos da zona; e trabállase na posta en marcha de medidas que incrementen o número de usuarios, que o ano pasado superaron os 50.000, principalmente, nas tempadas baixas, desestacionalizando, deste xeito, o turismo.

Todas estas actuacións enmárcanse unha das apostas persoais de Campos Conde: a posta en marcha dun Plan Integral de Turismo na provincia. Trátase dunha ambiciosa iniciativa, que se desenvolverá ao longo deste mandato (2015-2019), para converter a Lugo nun referente turístico no país, xerando máis emprego e favorecendo o crecemento económico deste sector, que hoxe representa o 13% PIB de Lugo. Para elo, a Deputación avaliará os recursos dos 67 Concellos da provincia. Faráo en coordinación con todos os profesionais do sector. Dende os establecementos hostaleiros, de comercio, empresas de lecer... ou cos colectivos que aglutinan a estes profesionais. Os estudos e as conversas xa se iniciaron.
    
Servizo de atención integral
O Deputado de Turismo explicou as melloras executadas. Vidal Baamonde remarcou que se habilitou unha oficina de turismo no embarcadoiro de Doade onde, ademais de poder adquirir os billetes, persoal especiazado ofrece información sobre as rutas e a riqueza da Ribeira Sacra en particular, e sobre a provincia de Lugo en xeral.

Outras das melloras realizadas consistíu no reforzo do persoal especializado de atención aos usuarios nas rutas fluviais, pasando dos 6 aos 9 na atención diaria, e ata os 12 en datas festivas como a Semana Santas ou as pontes do Pilar, Letras Galegas ou da Constitución. Tamén se executaron traballos de acondicionamento das embarcacións: tarefas de pintura, cambio de motores ou arranxo dos interiores, entre outras.  

Vidal Baamonde remarcou que unha das grandes novidades é o novo servizo de atención integral ás 24 horas en reservas.rutasembalses.es;  de luns a domingo, de 08:30 a 20:30 horas, no 982-26-01-96 e en catamaranes.turismo@deputacionlugo.org; e nas propias instalacións de San Marcos, concretamente na praza baixa onde se atopa o departamento de Turismo, onde se habilitou outra oficina de atención ao público aberta durante a semana de 09:00 a 14:00 horas.

Rutas Fluviais
As rutas fluvias que funcionan a partires de mañá e durante toda a Semana Santa son “Ruta do Canón do Sil”, de Santo Estevo ata o Mosteiro de Santa Cristina; e “Ruta do Cabo do Mundo” no Miño, do embalse dos Peares entre o embarcadoiro de Belesar, no Concello do Saviñao e á área Recreativa de Maiorga. Logo destas datas festivas, as viaxes fluviais poderanse facerse de mércores a domingo, ás 11:00 e ás 16:00 horas.