Deputación de Lugo

Deputación, Concello de Lugo e hostaleiros conmemoran con Raiolas e Capaces o Día Mundial do Autismo

- Santos Ramos, Lara Méndez, González Abelleira e José Francisco Real, xunto con familias de Raiolas e Capaces, celebraron esta data con ducias de actividades na capital - No Pazo de San Marcos, engalanado cun azul e globos azuis, descubriuse un pictograma e proxectouse o video da TIC sobre o labor de ditos colectivos. Houbo unha camiñata reivindicativa pola Muralla e leuse un manifesto diante do Consistorio lugués - 17 establecementos lucenses ofrecerán durante o mes de abril xantares solidarios para recabar fondos cos que colaborar co traballo das asociacións de autismo na provincia

O Deputado de Promoción Económica e Social, Álvaro Santos Ramos, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, a Concelleira de Benestar Social, Ana González Abelleira, e o Presidente da Asociación Provincial de Hostalería e Turismo, José Francisco Real Castro, xunto con ducias de persoas de Raiolas e Capaces, conmemoran este sábado o Día Mundial do Autismo con ducias de actividades.

Para celebrar esta data, a Deputación engalanou o Pazo de San Marcos cun lazo e globos azuis, e unha pancarta reivindicativa. Nos Mupis da praza, proxectouse durante todo o día o vídeo da Fundación TIC sobre o labor que desempeñan Raiolas e Capaces. Pola noite, as instalacións provinciais alumeáronse con luces azuis. No Concello de Lugo e nas portas da Muralla situáronse máis globos azuis.

As actividades arrancaron ás 11:30 en San Marcos, onde se descubriu o pictograma que elaborou Raiolas para identificar o Pazo Provincial e se presentou a iniciativa “Xantar Solidario” mediante a cal 17 establecementos lucenses ofrecerán durante o mes de abril xantares cuxos fondos se destinarán ao impulso da actividade de dita asociación.

A continuación, ás 12:30 horas, toda a comitiva, con ducias de familias de Raiolas e Capaces, fixo un percorrido polo adarve da Muralla, que arrancou na Praza de Ferrol e ata a Catedral. Finalmente, leuse un manifesto diante do Consistorio lugués.

Máis actividades
Ao longo do día, na cidade de Lugo houbo mesas informativas, concretamente, nas rúas Bispo Aguirre e a da Raíña, nas que se ofreceu información sobre o autismo. Tamén se levou a cabo a campaña “Píntate de azul polo autismo” coa que ducias de persoas pintaron na meixela corazóns ou puzzles azuis en mostra de apoio. O Centro Comercial das Termas acolleu o peche das actividades cun flashmob.

17 establecementos
Os 17 establecementos que ofrecerán xantares solidarios son: Restaurante España; Cafetería San Marcos; Restaurante Porta Santiago; Xoldra; Brisas; Fiordilatte; Os Tilos; O Mercado Street Food; Canela Bakery Coffee; Arrocería Os Cachivaches; Bríos; Lúa; La Encina; Millenium, Mesón O Cunqueiro; Metropolis; La Ideal.