Deputación de Lugo

Campos Conde participa en Meira no recoñecemento do poeta lucense Avelino Díaz

- O Presidente da Deputación sumouse á colocación da placa que dá novo nome ao Colexio de Meira, pasando a chamarse C.E.I.P. Poeta Avelino Díaz - Repartíronse 800 calendarios en memoria do autor galego, elaborados polo alumnado en colaboración co organismo provincial

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, participou hoxe xoves na colocación da placa identificativa que dá nome ao C.E.I.P “Poeta Avelino Díaz” de Meira, acompañado polo Alcalde, Antonio de Dios e outras autoridades, así como profesorado, alumnado, veciños e membros da Asociación Cultural Avelino Díaz. Campos Conde felicitou ao Director do colexio e ao Rexedor “porque sei que levan tempo traballando para que este centro leve o nome do poeta”.

Campos Conde recordou a figura dun escritor que naceu na Órrea, concello de Riotorto, pero que pasou parte da infancia en Meira. “Avelino Díaz pertence a Riotorto e a Meira, e tamén a todos os galegos, porque defendeu a nosa lingua e a nosa cultura. Foi un gran poeta que tivo que vivir a dura experiencia da emigración, unha realidade que, por desgraza, segue presente hoxe en día”.

Durante o acto, no que houbo música e lectura de poemas a cargo dos alumnos e alumnas do Colexio de Meira, repartíronse gratuitamente 800 calendarios elaborados polo C.E.I.P e a Asociación Avelino Díaz, coa colaboración da Deputación de Lugo. Os calendarios, con debuxos do alumnado de Infantil e Primaria, ilustran un poema cada mes.

O Alcalde e membros da Asociación Cultural Avelino Díaz reclamaron o Premio das Letras Galegas 2017 para o autor lucense, ano no que se cumprirá o 120 aniversario do seu nacemento. Campos Conde mostroulles “todo o apoio da Deputación para seguir difundindo a obra de Avelino Díaz e contribuír a dar a coñecer a súa figura”.