Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación defende un Consello de Turismo fronte ao "chiringuito do PP"

Imaxe deputación de lugo
- O voceiro explicou que “o PP quere facer un Consorcio de Turismo, outro chiringuito, con órganos de dirección, cos seus bos salarios e as súas boas remuneracións” - “Un Consello de Turismo é un órgano de posta en común, de participación de todos los entes e axentes implicados, no que se xeren sinerxías e se executen actuacións dende as súas posibilidades, competencias e bondades” - O choque de dous modelos: “Nós defendemos un modelo público, útil e pensado para os veciños. Na outra marxe están os intereses especulativos, privatizadores e non pensado nas necesidades dos veciños, que é o modelo do PP”.

O voceiro do Executivo Provincial, Álvaro Santos Ramos, aclarou este venres en relación ás políticas de actuación para o impulso do turismo na provincia que “o PP quere facer un Consorcio de Turismo, é dicir, outro chiringuito, con órganos de dirección, cos seus bos salarios e as súas boas remuneracións. O que necesita a provincia de Lugo é un Consello de Turismo, que é moi diferente, aínda que soe parecido. E isto é o que defendemos, e o que imos a crear dende o Goberno da Deputación”.

“O Consello de Turismo é ese órgano de posta en común, de participación de todos los entes e axentes implicados no desenvolvemento do turismo, no que se xeren sinerxías. E despois cada un, dende as súas posibilidades, competencias e bondades, executen actuacións para que, as cuestións que estean febles e se poidan mellorar, sexan un verdadeiro potencial e revulsivo en materia turística, e, polo tanto en materia social e económica, así como de desenvolvemento do emprego da provincia”.

Santos Ramos subliñou que “a solución non é un Consorcio, unha entidade con capacidade para prestar servizos ou unha macroempresa de turismo chamada así. O que realmente é necesario é que aglutinemos todas esas expectativas. Iso é o que vai impulsar o Goberno da Deputación. Para elo, estamos a traballar, intensamente, no eido do turismo. Onte presentouse un informe do Eixo Atlántico, que apunta a esa dirección. En canto teñamos os resultados do Plan Estratéxico de Turismo da Provincia de Lugo, este Goberno promoverá a creación do Consello de Turismo, onde, participando todos, poidamos ver o que podemos facer para desenvolver o sector”.

“É imprescindible a participación pública e privada. Non consiste só en ter hoteis, restaurantes ou espazos que visitar. Ten que ser unha estratexia e un desenvolvemento transversal. Senón desenvolvemos, adecuadamente, as infraestruturas da provincia de Lugo, senón temos garantida a mobilidade interior e un acceso fácil a nosa provincia por diferentes canles, como pode ser a rede viaria ou a rede ferroviaria; de nada valerá que fagamos unha oferta turística potente”.

O voceiro resumiu que “ese é o choque de modelos entre o PP e o PSOE. Nós defendemos un modelo público, útil e pensado para os nosos veciños. Na outra marxe  están os intereses especulativos, privatizadores e, dende logo, non pensado nas necesidades dos veciños, que é o modelo do PP”.