Deputación de Lugo

A Deputación saca a concurso público a selección de entidades de crédito para colocar excedente de Tesourería

Imaxe deputación de lugo
- O organismo provincial busca colocar 16 millóns de euros nunha entidade de crédito que ofreza, como mínimo, un tipo de interese fixo do 0,40% - A Deputación concorrerá ás subvencións da Xunta para organizar accións formativas para desempregados da provincia, nas que poderían participar ata 32 persoas en paro - A Xunta de Goberno resolveu a contratación de 17 desempregados que traballarán noutras tantas empresas, como director de ludoteca, peón gandeiro, modista ou  delineante

A vicevoceira provincial socialista, Pilar García Porto, informou este venres que a Xunta de Goberno da Deputación aprobou sacar a concurso público a selección de entidades de crédito, como bancos, caixas de aforros ou cooperativas de crédito, para colocar un excedente de Tesourería por valor de 16 millóns de euros en depósitos bancarios cun tipo de interese mínimo fixo de 0,40%.

García Porto explicou que os aspectos que se terán en conta son: non contar con preferentes, subordinadas..., ou que estas foran resoltas satisfactoriamente para os cidadáns; o número de oficinas distribuídas nos Concellos da provincia, así como as condicións do persoal que presta servizo nas mesmas, en defensa da prestación de servizos e da xeración de emprego no rural lugués; ademais das melloras salariais e laborais dos traballadores, así como os plans de formación para os mesmos. Outras cuestións que tamén se terán en conta serán o nivel de satisfacción dos clientes ou as actividades que se realicen para promoción a provincia luguesa.

Obradoiros Xunta
A Xunta de Goberno aprobou concorrer ás subvencións da Xunta de Galicia para organizar novas accións formativas para desempregados da provincia, nas que poderían participar ata 32 persoas en paro. Por unha banda, acordouse solicitar o obradoiro “Obras de adecuación do Mirador dos Paredones da provincia de Lugo”, que ofrecerá 960 horas de formación e prácticas remuneradas a 16 lucenses, e que estaría destinado á posta en marcha do ambicioso proxecto de conversión do mirador de Mondoñedo en albergue para peregrinos. Hai que lembrar que o albergue actual só ofrece 24 prazas e que ten obrigado, especialmente nos meses de verán, a desprazar peregrinos ao polideportivo municipal

García Porto destacou que “este proxecto permitirá dar un novo pulo ao Camiño do Norte polo que, dende aquí, solicito ao executivo autonómico que se implique co impulso do Camiño de Santiago ao seu paso pola nosa provincia, posto que estas futuras instalacións suporán un importante pulo á desestacionalización do turismo e a posta en valor do patrimonio”

A maiores, tamén aprobou solicitar “Revitaliza aos maiores da provincia”, co que se impartirán 960 horas para un total de 16 participantes, que está pensada para dar formación especializada en servizos aos maiores da provincia.

A vicevoceira socialista destacou que “esta pode ser unha oportunidade de ouro para que o Goberno de Feijóo amose, por unha vez, unha actitude de colaboración institucional, a mesma que mantén o actual Goberno provincial, apostando por impulsar materias de interese para toda a provincia, malia que estas sexan de competencia autonómica, e non continúe a discriminar á nosa provincia”.

Máis Emprego
A Xunta resolveu tamén a contratación de 17 desempregados que traballarán noutras tantas empresas da provincia. Son concretamente, perfís como director de ludoteca, peón gandeiro, modista ou  delineantes, entre outros. Tamén se aprobou establecer 3 novas empresas beneficiarias, que solicitan 4 traballadores, logo das renuncias presentadas por outras tantas empresas.

A Deputación aprobou solicitar a subvención da Consellería de Economía e Emprego para renovar o contrato dun Técnico en información, orientación e prospección de emprego, que está a prestar os seus servizos na Deputación e tamén sacou adiante as bases específicas que rexerán o procedemento selectivo temporal mediante concurso-oposición dunha praza de Enxeñeiro Técnico Agrícola.