Deputación de Lugo

A Deputación renova a súa colaboración coa Festa da Castaña, que chega a súa XXIX edición

- García Bermúdez destacou que “a Deputación colabora con esta xornada, que axuda a difundir e mellorar a comercialización dos produtos autóctonos de calidade - O organismo provincial achega unha axuda económica ao municipio do Folgoso do Caurel de 3.000 para a celebración desta cita gastronómica - A actuación de Davide Salvado e o grupo Gaitas e Cantores do caurel, ou a a degustación de castañas, churrasco e polbo, son salgunhas das actividades deste ano

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Mayra García Bermúdez, e Alcaldesa-Presidenta do Concello do Folgoso do Caurel, Dolores Castro Ochoa, presentaron este venres no Salón de actos da institución provincial a XXIX edición da Festa da Castaña do Folgoso do Caurel que se celebrará o vindeiro domingo, 6 de novembro no Souto da Carroza en Folgoso. O organismo provincial colabora cunha achega económica ao municipio do Folgoso do Caurel de 3.000 para a celebración desta cita gastronómica.

García Bermúdez destacou que “dende o goberno provincial colaboramos con esta xornada gastronómica, Festa de Interese Turístico Galego, que axuda a difundir e mellorar a comercialización dos produtos autóctonos de calidade como o da castaña, ademais de impulsar a economía da provincia”.

Programación
O sábado, no día previo á gran festa da castaña, os participantes poderán desfrutar a partir das 21:00 horas dunha pancetada, que dará paso ás 23:00 horas da verbena a cargo do grupo Tribal.

A xornada arrancará o domingo, a partir das 12:00 horas, coa actuación do grupo Gaitas e Cantores do caurel. Os asistentes, tamén poderán degustar gratuitamente castañas asadas do Courel e viño da zona, ademais de churrasco e polbo. A continuación, ás 13:00 horas, presentarase o libro de Jesús Río Ramilo “O Courel bajo la cruz de Santiago S.XII-XIX”. O pregón terá lugar as 13:30 horas, este ano a cargo dunha das voces máis carismáticas da zona, Davide Salvado, que seguidamente ofrecerá un concerto.

Durante a Festa da Castaña, os asistentes poderán visitar os postos de artesanía e produtos da zona instalados para a ocasión, deleitarse coa demostración de oficios e coa música tradicional.

O sector da castaña
Os vendedores sinalan que este ano a colleita de castaña é abundante e que se superarán os 15 millóns. Iso fai que se auguren baixadas de prezo e que a castaña, dada a abundancia, acabe este ano sendo máis barata. Neste momento, o kilo da castaña ten un prezo de 1,50€ no mercado.

A provincia de Lugo, que conta con 4 empresas que exportan a máis de 40 países, é unha das maiores produtoras de castañas en España. En Galicia o sector da castaña move entre 35 e 40 millóns de euros anuais, e exporta o 90% do recollido. En Galicia, que conta con máis de 60.000 hectáreas, hai 81 variedades de castaña recoñecidas.