Deputación de Lugo

A Deputación chama aos Concellos a sumarse ao seu Portal de Transparencia para ir máis alá da lei

- Rivera Capón explicou que este Portal vai máis alá da lei porque inclúe información a maiores da que obriga a normativa 19/2013, así como os 80 indicadores da organización Transparencia Internacional - Esta web permite aos veciños facer suxestións, polo que o organismo provincial utilizaraa para elabora os presupostos participativos do 2017 - Crearase unha Comisión de Transparencia, na que participarán os Concellos, para velar polo cumprimento da Lei

O Deputado de Innovación e TIC’s, Participación Cidadá e Transparencia, Pablo Rivera Capón, fixo este xoves un chamamento aos Concellos da provincia para sumarse gratis ao Portal de Transparencia da Deputación e ir máis alá da normativa 19/2013 que hoxe mesmo entra en vigor.

Trátase dunha ferramenta web coa que o organismo provincial incrementa e reforza a transparencia da actividade pública, garante o acceso á información e determina as obrigas do bo goberno das entidades locais. Este proxecto púxose en marcha no anterior mandato pero estivo 3 meses paralizado polo Partido Popular. O actual goberno provincial axilizou a posta en marcha do Portal e púxose e informou a todos os Concellos sobre o mesmo. Hoxe xa son 55 os municipios que se adheriron.

Rivera Capón explicou que “este portal, pioneiro entre as Deputacións en España, vai máis alá da normativa, pois inclúe nel información a maiores da que nos indica a lei 19/2013, en aspectos que consideramos de maior interese para a cidadanía, como é o Open Data ou Información Urbanística da provincia”.

O Deputado informou que “o Portal de Transparencia é unha ferramenta viva, na que se irá publicando de xeito paulatino información actualizada sobre a Deputación e os seus proxectos, é dicir, un portal en continua actualización, máis completo e eficaz que o que presenta o Ministerio. Con esta iniciativa, facemos un cambio total e absoluto do funcionamento das administracións públicas, establecendo un antes e un despois no que a publicidade de información se refire”.

“Con este Portal establecemos unha nova vía de colaboración cos Concellos, que non teñen recursos humanos nin económicos para contar cun portal propio”.

O proxecto está dotado con máis de 1 millón de euros, dos que menos da metade se destinaron á posta en marcha do portal. Con este orzamento garántase o seu mantemento e funcionamento durante os vindeiros 10 anos. Con este investimento fíxose un proceso de análise e estudo para crear un modelo web eficaz e eficiente. Tamén se levou a cabo un estudo da situación actual provincial así como o deseño da estratexia; recibiuse un asesoramento integral; e creouse dun portal de goberno aberto e un cadro de mando provincial. Ademais celebráronse congresos sobre Redes Sociais e Cultura Dixital; sesións de traballo con Concellos e Deputación con expertos en Goberno Aberto e Municipalidade; Benchmarking de prácticas de Bo Goberno, ou os Servizos de Community Management .

Comisión Provincial de Transparencia
A Deputación creará unha Comisión Provincial de Transparencia, composta por tres membros pertencentes á Área de Innovación e Tics, Participación Cidadá e Transparencia, contando tamén ao Deputado Delegado, e outros dous membros elixidos polos concellos adheridos ao Portal. Dentro das funcións desta comisións atópanse, entre outras, coordinar o impulso da transparencia nos Concellos adheridos; velar polo correcto cumprimento do convenio; definir e actualizar os conceptos de información e os indicadores que deben ser publicados no Portal; determinar prazos de publicacións ou realizar tarefas de seguemento e evolución.