Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo propón novas actividades na reserva da Biosfera Terras do Miño, unha das mellor xestionadas de España

- Terras do Miño acadou un 100 sobre 100 no indicador que mide a participación nos órganos de xestión. A nota global foi 75,84, por enriba da media acadada por todas as reservas de España que foi de 69,74 puntos - O Campus de Emprendemento permitiu a creación de unhas 10 empresas no ámbito rural e a conseguinte fixación de poboación. A Deputada de Medioambiente e o Presidente da Deputación convidaron a unha “ruta dos alcaldes” para que estes coñezan as iniciativas empresariais e apoien e aproveiten os recursos que dispoñen os seus concellos. Será o 8 de febreiro

O titular provincial, Darío Campos, presidiu este martes as reunións dos Órganos Reitor  e de Participación da Reserva da Biosfera Terras do Miño. No encontro definíronse os primeiros proxectos que se van a poñer en marcha o vindeiro ano. Entre eles atópase a
Elaboración dun Catálogo Aberto do Patrimonio Inmaterial das Reservas da Biosfera españolas, que permitirá poñer en valor gran número de recursos aínda pouco explotados, como festas, tradicións, expresións orais, coñecementos e usos relacionados coa natureza ou técnicas artesanais propias. Toda esta información será recollida nunhas fichas tipo.

A Deputada da Área de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, anunciou a participación no proxecto “Recetas da Biosfera”, co que se pretende poñer en valor a gastronomía da rexión das terras do Miño, que abrangue 26 concellos lucenses. De entre as recetas recibidas de cada reserva seleccionaranse as mellores para a súa edición nun libro conxunto da Rede Española de Reservas da Biosfera.

Dende a Área de Medioambiente da Deputación estase a traballar tamén na posibilidade de participar nun proxecto ITERREG (no marco do programa de Cooperación Interreg V A España Portugal) para a promoción do cultivo ecolóxico de especies vexetais autóctonas de Galicia e do Norte de Portugal que poidan servir para empregar en gastronomía e balneoterapia. O proxecto, nomeado “ Emprendemento verde baseado no cultivo ecolóxico de especies susceptibles para usos cosméticos e/ou alimentarios” quere abrir unha nova oportunidade para o desenvolvemento rural da área.

Durante a xornada, profesores da Universidade de Santiago de Compostela presentaron o Proxecto Urbano de Adaptación ao Cambio Climático LIFE LUGO + BIODINÁMICO, unha iniciativa do Concello de Lugo apoiada economicamente pola Deputación cun compromiso financeiro de 526.220 €. O proxecto desenvólvese na zona das Gándaras e pretende o desenvolvemento biodinámico dun barrio mediante a recuperación de bosque, a implantación de zonas verdes, a edificación en madeira dun centro de divulgación, a promoción da agricultura vertical e a restauración paisaxística. Segundo explicou a Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López,  “este proxecto permitirá reactivar o sector da madeira para a construción e pretende ser un referente das oportunidades do urbanismo sostible, xa que xunta desenvolvemento económico e sostenibilidade medioambiental. A nosa idea é implicar nel a toda a provincia”, manifestou.

A participación saca nota
Na xornada valorouse moi positivamente a avaliación recibida polo Consello de Xestores da Rede Española de Reservas da Biosfera, un organismo participado polo Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente que cualifica todas as reservas da Biosfera de España en función dunha serie de indicadores.  A Reserva da Biosfera Terras do Miño obtivo unha cualificación global de 75,84 puntos sobre 100, fronte á media nacional que foi de 69,74 puntos.  O indicador de ‘Participación na xestión’ é no que a reserva acadou unha mellor calificación, de 100 sobre 100; seguido polo de ‘Órgano de Xestión’, cun 90 sobre 100. 

A cualificación máis baixa foi a relativa á zonificación, sen embargo as actuacións que habería que realizar para mellorala non son competencia da Reserva da Biosfera, porque a zona inclúe territorios dentro da Rede Natura 2000 e a súa planificación é competencia da Administración autonómica, así como a ordenación territorial do territorio da reserva.