Deputación de Lugo

A Deputación acolle este venres e sábado a VII Xornadas de Coidados Paliativos

Este encontro organizado pola Sociedade Galega de Coidados Paliativos pretende poñer en común o manexo de situacións complexas en relación co final da vida

O Vicepresidente, Álvaro Santos Ramos, presentou este martes no Salón de Actos da Deputación, a VII Xornadas de Coidados Paliativos, que organiza SOGACOPAL, dirixida a profesionais sanitarios e ao público en xeral. Fíxoo xunto ao Presidente desta asociación, Carlos Fernández Fraga, e o médico do HULA, Álvaro Fernández Rial.

Santos Ramos animou aos organizadores deste encontro a seguir traballando para contribuír a mellorar a calidade de vida das persoas, e os familiares, que se atopan neste trance da vida. O Vicepresidente lembrou que nesta xornada participaran profesionais sanitarios de toda Galicia, e agradeceu aos organizadores que escolleran a cidade de Lugo para celebrar esta xornada.

Carlos Fernández Fraga remarcou que esta xornada leva por titulo “Saber coidar”, xa que quere facer alusión a que a saúde non é intuitiva senón que hai que aprendela. “Entendemos que hai que recuperar os coñecementos entre os familiares, os doentes, que teñen moito que dicir, os profesionais sanitarios, e introducilos no ámbito sanitario para saber coidar entre todos”.

Explicou que en Galicia existen seis unidades e media de coidados paliativos, na que traballan 24 médicos, 70 enfermeiros, e nas que son atendidos 2.400 doentes cada ano. Un médico de familia atende na súa consulta anualmente unha media de 18-20 pacientes de coidados paliativos. No que se refire á provincia de Lugo, cada ano 4.500 persoas son detectadas cun cancro, das cales 1/3 pasan por esta unidade de coidados paliativos.

Álvaro Fernández Rial, médico do HULA, agradeceu o apoio e as facilidades da Deputación para poder celebrar estas xornadas. Sinalou que o grupo ao que vai dirixido este encontro é interdisciplinar, xa que participarán psicólogos, enfermeiras, médicos de todas as especialidades e auxiliares. “Todos os profesionais sanitarios levamos paliativos, xa que estes coidados poden aplicarse en calquera lugar, e iso é o que queremos poñer en común”, resumiu.

A organización tamén agradeceu a colaboración da Fundación TIC coa elaboración dun vídeo realizado cos familiares de doentes que será proxectado nunha xornadas desta Asociación en Burela.

Programación
Venres 25 de novembro
Ás 17:15 horas.- Inauguración da Xornada.
Ás 17:30 horas.- Mesa Redonda. Coidar aos enfermos ao final de vida en Galicia. ¿Cómo facemos?. Exposición de casos clínicos.
Ás 19:30 horas.- Actividade dirixida á poboación en xeral. Cineforum. Proxección do filme “El doctor”.

Sábado 26 de novembro
Ás 10:00 horas.- De facer máis e mellor: vinte anos de Bioética en Galicia. Ponente: Juan Antonio Garrido Sanjuán.
Ás 11:30 horas.- A agresividade terapéutica en oncoloxía. Ponente: Francisco Barón Duarte.
ÁS 13:00 horas.- Asemblea de SOGACOPAL.