Deputación de Lugo

En marcha a Carta de Servizos da Deputación para impulsar o tecido empresarial lucense

Imaxe deputación de lugo
- Toda a información sobre este nova iniciativa en www.deputacionlugo.gal no espazo do Ben Empregado, ou nos teléfonos 982-260-227/982-260-085 - Santos Ramos explicou que “este servizo arranca coa participación das preto de 500 entidades beneficiarias do Ben Empregado pero ampliarase a todas as empresas en, previsiblemente, dous meses” - Coa Carta de Servizos a Entidades, búscase contribuír ao mantemento dos máis de 500 postos de traballo que subvenciona a Deputación unha vez que remate esta programación

En marcha a Carta de Servizos da Deputación para impulsar o tecido empresarial da provincia. Así o avanzou este luns o Deputado de Promoción Económica e Social. Álvaro Santos Ramos explicou que entrando na web www.deputacionlugo.gal xa se pode consultar toda a información sobre a tipoloxía do asesoramento gratuíto que ofrece o organismo provincial, en primeira instancia, ás case 500 entidades do Ben Empregado para contribuír ao mantemento dos máis de 500 postos de traballo que subvenciona a Deputación unha vez que remate esta programación.

Nun prazo máximo de 2 meses, esta prestación ofrecerase a todas as empresas da provincia. Máis información en 982-260-227 ou 982-260-085 ou a través do email cartaservizos.benempregado@deputacionlugo.org.    

Tipo de Asesoramento
O Deputado lembrou tamén o tipo de Carta de Servizos a Entidades inclúe os seguintes tipos de asesoramento:
1º.- Información sobre axudas e subvencións. Estase a elaborar unha base de datos con todas as axudas existentes, e que se irá actualizando periodicamente, para ter ao seu alcance toda a información sobre as axudas ás que poden concorrer.

2º.- Creación de Boletíns informativos, nos que se explicarán mensualmente ás empresas que se sumen a esta iniciativa, toda a información que poda ser do seu interese.

3º.- Asesoramento legal, por exemplo sobre a Lei de Protección de Datos ou a Lei de Servizos da Sociedade da Información e Comercio. Ademais, tamén se afondará en aspectos como, por exemplo, os estatutos dos traballadores e convenios, entre outros.

4.- Asesoramento en TIC’s, no que se explicará ás empresas a importancia de introducir as novas tecnoloxías nos modelos de negocio actuais: redes sociais, correos corporativos para traballadores, ou incluso sinatura e facturación electrónica...

5º.- Promoción e impulso do networking interno e externo, así como a importancia da publicidade das empresas. A través do networking promoveranse a realización, de xeito conxunto entre as empresas que o desexen, seminarios e xornadas para, por exemplo, conseguir reducir custos na compra de material ou facer campañas de publicidade conxuntas, que aumenten as ventas e melloren a imaxe das empresas e entidades da provincia.

6º- Aforro enerxético e a racionalización do gasto. Poremos a disposición das entidades os expertos da axencia provincial da enerxía, para que ofrezan medidas  de optimización enerxética que permitan, polo tanto aforrar custos ás empresas.

7º.- Contacto directo cos diferentes departamentos da Deputación.