Deputación de Lugo

Deputación e Concello de Lugo conmemoran o sábado o Día dos Maiores con actividades na Praza Maior

- A TIC da  Deputación colabora co Concello de Lugo no programa de actividades que se desenvolverán en horario de 17:00 a 19:00 horas diante da Casa Consistorial - Santos dixo que “saímos á rúa co obxectivo de que os lucenses coñezan o traballo que desenvolve a TIC para mellorar a calidade de vida dos maiores a través das novas tecnoloxías” - Os testemuños das persoas que participen no obradoiro de Memoria Dixital pasarán a formar parte do banco de recordos audiovisual www.memoriadixitallugo.es

Deputación e Concello de Lugo conmemoran o Día Internacional das Persoas Maiores, que se celebra este sábado 1 de outubro, con actividades gratuítas na Praza Maior, que presentaron hoxe o Vicepresidente, Álvaro Santos Ramos, e a Alcaldesa, Lara Méndez López. Consistirán en obradoiros de fotografía e do proxecto Memoria Dixital, que desenvolve a TIC.

Santos Ramos salientou que “non podiamos faltar a esta  cita. Os maiores da nosa provincia forman unha parte esencial do labor que desenvolvemos dende a TIC da Deputación co obxectivo de que as novas tecnoloxías sirvan de ferramenta para mellorar a súa calidade de vida. Sairemos á rúa para que a sociedade coñeza a grande labor social que desenvolvemos dende a TIC.Un traballo avalado pola alta demanda que hai dos cursos do InLugo, no que as prazas se esgotan en escasas horas”.

A Alcaldesa manifestou o compromiso do Concello e da Deputación cos maiores, non soamente polo que representan en termos cuantitativos, máis do 20% da poboación do municipio lugués, senón tamén pola súa importancia social. A Rexedora ensalzou o papel que xogan os maiores na actual situación económica, pois volven a ser o apoio de moitas familias. Hoxe o 70% dos avós coidan aos seus netos, recaendo neles a rede de protección de familias. Grazas  eles poden manter o seu nivel de vida ou subsistir”.

“Fronte aos que entenden o envellecemento como un problema, nos entendémolo como un éxito social. Ser maior non é só cuestión de idade, é cuestión de coñecemento e experiencia, e tamén de valores, valores que se transmiten de xeración en xeración”, asegurou Lara Méndez, ao tempo que facía fincapé na acumulación da sabedoría dos maiores, da que unha sociedade no se pode permitir prescindir.

“Concello e Deputación temos a responsabilidade de volcarnos cos maiores para devolverlles todo o esforzo e traballo que fixeron pola sociedade ao longo de tantos anos. As actividades deste sábado soamente son un pequeno homenaxe, porque tedes dereito a que vos demos as grazas por todo o voso esforzo”, concluíu Méndez.

Fotografía e recordos
Os dous obradoiros desenvolveranse en horario de 17:00 a 19:00 horas diante da Casa Consistorial. Haberá un espazo no que todas as persoas interesadas poderán participar no programa Memoria Dixital Lugo , “un proxecto no que temos depositadas moitas ilusións porque entre todos lucenses estamos a crear un arquivo audiovisual de recordos sen precedentes na nosa provincia. Neste caso, calquera persoa interesada en contarnos os seus recordos pode achegarse ata aquí. Un equipo da TIC gravaralle o seu testemuño, que quedará recollido en www.memoriadixitallugo.es”.

Ademais, haberá un taller de fotografía para os maiores que incluirá un phtocall. Segundo Santos, “os cursos e obradoiros de fotografía son, xunto aos relacionados co uso do móbil, os máis demandados polos usuarios das actividades que imparte o InLugo, tanto na súa sede en Lugo como en toda a provincia”.

Ampla programación ata finais de ano
Ademais, a TIC desenvolverá no último trimestre deste ano 29 talleres no InLugo, cun total de 393 prazas, así como o programa Alimentatic con 15 obradoiros sobre alimentación saudable, que estarán distribuídos en todas as comarcas da provincia. Tamén haberá outras actividades como a xornada dedicada ao Nadal ou un obradoiro de fotografía no San Froilán.