Deputación de Lugo

Os veciños da Pastoriza reciben 323.000 euros da Deputación para dotacións públicas, emprego e servizos sociais

- O Presidente informou sobre este investimento nunha visita oficial ao Consistorio, que arrancou no Consistorio cunha recepción por parte do Alcalde - Dotacións públicas: son preto de 250.000 euros para melloras centros sociais, traídas de auga, estradas, equipamento para aforrar custos enerxéticos ou TIC´s - A Pastoriza contratará con case 50.000 euros do DEPUEMPREGO a novos traballadores cos que reforzar servizos municipais e mellorará o Servizo ao Fogar con 23.062 euros

O Presidente, Darío Campos Conde, informou este xoves sobre o investimento de máis de 323.000 euros da Deputación que se inxectan na Pastoriza para melloras de dotacións públicas, xeración de emprego e impulso de servizos sociais en beneficio dos veciños deste Concello chairego. Fíxoo nunha visita ao Consistorio, que arrancou cunha recepción por parte do Alcalde, Primitivo Iglesias, e outros compañeiros do Corporación Municipal, na que Campos Conde asinou no Libro de Ouro do Concello.

Este investimento da Deputación na Pastoriza distribúese do seguinte xeito:

- 160.000 euros para mellorar dotacións públicas básicas. O Presidente e o Alcalde asinaron o convenio de colaboración mediante o cal o organismo provincial achega dito investimento e o Concello encárgase da contratación e execución antes de finais de ano dos seguintes traballos:

  • 60.000 euros para a rehabilitación e acondicionamento dun local para centro cívico e social en O Alto, na Parroquia de Pousada. Esta obra dará servizo aos 90 veciños da parroquia que reclamaban un local onde poder manter xuntanzas e celebrar eventos culturais e deportivos.
  • 21.173 euros para a mellora da accesibilidade no centro médico da Pastoriza. Con esta axudas económica construirase un muro de contención, mellorando a seguridade viaria, e colocarase unha varanda para facilitar o acceso a esta infraestrutura sanitaria.
  • 21.000 euros para colaborar na compra dun tractor para o servizo de medio ambiente municipal, que dá servizo ás 19 parroquias do Concello.
  • 18.963 euros para o acondicionamento exterior e equipamento interior no Centro Social da Rigueira, empregado por asociacións veciñais para realizar actividades de teatro, olería, cestería... así como cursos de restauración, cociña, etcétera e actividades para nenos. Neste local realizaranse obras de pintado, e instalaranse mobiliario de cociña e mobles, beneficiando aos preto de 100 veciños que fan uso do mesmo.
  • 16.559 euros para a reconstrución do antigo palco de música que servirá como local de eventos na Parroquia de Lagoa. Este edificio, auxiliar ao Teleclube propiedade do Concello, servirá como espazo de encontro dos 40 usuarios da parroquia, instalando servizos e unha cociña.
  • 10.841 euros para a ampliación da rede de distribución e abastecemento de auga de Bretoña. Con esta obra dáse servizo aos veciños da parroquia de Curras, que carecían do servizo municipal de traída de auga.
  • 7.664 euros para obras de conservación no centro sociocultural da Parroquia de Loboso. Este investimento servirá para acondicionar este local social.
  • 4.000 euros para adquisición de desbrozadora para o servizo de Medio Ambiente

Outros 88.000 euros en máis dotacións públicas
- 58.692 euros do POS. Con este orzamento realizarase a rehabilitación da Casa de Galocha en Bretoña, propiedade do Concello de Pastoriza.

-24.813 euros para dotacións que aforren custos enerxéticos. Con este investimento o Concello poderá levar a cabo melloras no alumeado público, instalar caldeiras, estufas de biomasa, redes de calor ou levar a cabo illamentos térmicos É a cantidade que lle corresponde Pastoriza a través do Plan de Aforro Enerxético da Deputación.

-4.692 euros para Tics. Os Concellos teñen que realizar melloras nas súas sedes electrónicas antes do 1 de outubro debido á entrada en vigor da Lei do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. Esta normativa establece cambios nas ferramentas tecnolóxicas para axilizar, modernizar, simplificar e garantir aos cidadáns a realización de todos os seus trámites coas mesmas de xeito telemático.

Servizos sociais e emprego
- 23.062 euros para o Servizo a Domicilio. Por primeira vez, esta prestación suporá custo cero para os Concellos, xa que o Goberno da Deputación decidiu asumir todos os custos.

- 49.064 euros para xerar emprego directo. É a cantidade que lle corresponde a Pastoriza a través do DEPUEMPREGO. Trátase do Plan de Emprego da Deputación nos Concellos. Esta programación é unha aposta persoal do Presidente pola xeración directa de traballo no rural e a máxima cooperación cos Concellos, pois este orzamento é para a contratación de novo persoal co que reforzar as prestacións públicas municipais. 

- 3.000 euros para a Festa da Bolas de Liscos e das Freces. A Deputación financia esta iniciativa local que contribúe a impulsar a economía a través da gastronomía e da posta en valor de recursos naturais, que son marca de identidade propia do Concello e atraen a moitos visitantes.