Deputación de Lugo

Deputación e Concello de Xermade recuperan a Festa dos Cogomelos

- Celebrarase o vindeiro 29 de outubro na Carballeira do Campo, as tarxetas do menú teñen un custe de 15 euros, e poden adquirirse nos bares da localidade - O Concello organiza este encontro, onde haberá unha carpa con torneiros e vidreiros, ademais de postos de venda con produtos autóctonos e de tempada - A Deputación promociona esta nova edición cunha achega económica de 3.000 euros, e coa actuación do grupo de música celta Brath

A Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, o Alcalde de Xermade, Roberto García, e o Presidente da Asociación de Veciños de Roupar, Jose Corral, presentaron este mércores nos xardíns da Deputación a XVIII Festa dos Cogomelos que se celebrará o vindeiro 29 de outubro na Carballeira do Campo de Xermade, logo do parón de 5 anos. A Deputación promociona esta nova edición cunha achega económica de 3.000 euros, e coa actuación do grupo de música celta Brath.

Sonsoles López Izquierdo remarcou que o cogomelo da provincia de Lugo xa é un referente en todo o pais. “Por iso os visitantes que acudan a este evento lúdico, festivo e gastronómico, poderán comprobar en primeira persoa a calidade da nosa materia prima, o cogomelo. Un produto de primeira categoría que pode competir en calquera restaurante”.

A Deputada felicitou aos organizadores e ao Concello por recuperar esta festa. “A Deputación sempre será sensible ás demandas dos nosos veciños, e sempre terá abertas as portas desta institución para colaborar con iniciativas locais, que ao mesmo tempo contribúen a dinamizar e incentivar as economías das nosas vilas e das nosas Comarcas, e recuperar as nosas tradicións”.

López Izquierdo lembrou que a Deputación organiza xornadas e cursos para achegar aos lucenses ao mundo da micoloxía, concretamente este mesmo mes celebrouse a IV Xornada de iniciación á Micoloxía, que organiza a Estación científica do Courel da USC.
A Deputada remarcou que Xermade é un Concello que pertence a Reserva da Biosfera, por iso convidou ao todos os visitantes a acudir a esta cita.

O Alcalde de Xermade, Roberto García, agradeceu a colaboración do organismo provincial na celebración deste evento. “Unha das demandas dos veciños de Xermade era a recuperación desta festa, que xa levaba anos sen celebrarse, por iso síntome moi orgulloso de poder estar aquí hoxe para presentala”.

Roberto García avanzou que nesta XVIII edición haberá unha carpa con torneiros, vidreiros e cerámica de Buño, ademais de postos de venda con produtos autóctonos e de tempada, como castañas, mel, queixos e todo tipos de produtos da horta. Ademais agradeceu a colaboración da Asociación de Veciños do Campo de Roupar por contribuír a realizar esta nova edición.

15 euros menú
O Concello organiza esta festa, xunto coa Asociación de Veciños de Roupar, que para facilitar a asistencia colocarán unha carpa para desgustar a comida. Esta xornada tamén contará con sesión vermú e verbena co grupo de musica celta Brath. O menú desta nova edición ten un custe de 15 euros, e servirase no Carballeira do Campo a partir das 14:30 horas. Estará composto por empanada de cogomelos, níscalos en salsa de arroz branco, boletus con carne, ademais de postre.