Deputación de Lugo

19 pinturas do pintor Alfonso Sucasas compoñen O costumismo transcendido, a mostra que se expón na Deputación

- O Presidente inaugurou a colección do artista lalinense, que estará exposta ata o 26 de outubro na sala de exposicións do Pazo de San Marcos - Campos Conde subliñou que “é un pracer colaborar na promoción e difusión da obra de Alfonso Sucasas pola cidade de Lugo, un referente da pintura galega” - A mostra totalmente gratuíta pódese visitar de luns a venres de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 20:30 horas; sábados de 10:30 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 horas; domingos e festivos de 11:00 a 14:00 horas

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, inaugurou este xoves na sala de exposicións do Pazo de San Marcos, a mostra de Alfonso Sucasas O costumismo transcendido, que estará exposta na Deputación ata o 26 de outubro. No acto tamén participaron a Deputada de Cultura, Pilar García Porto, a viúva do pintor, María Espinosa Borrego, e o Comisario da exposición, Carlos López Bernárdez.

Campos Conde subliñou que “é un pracer colaborar na promoción e difusión da obra de Alfonso Sucasas, referente da pintura galega, a través desta mostra que se expón por primeira vez en Lugo, na sala de exposicións do Pazo de San Marcos. Dende a Deputación, e co traballo da Rede Museística, seguiremos apostando por este tipo de actividades que dinamizan a nosa cultura”.

Ás 18 pinturas que compoñen esta colección, hai que sumar o lenzo “Os tres amigos do Lamela”, que posúe en propiedade a Rede Museística Provincial de Lugo. A exposición amosa obras inéditas, non vistas ata agora, e reflexa o recorrido do artista ao longo da súa traxectoria.

A pintura de Alfonso Sucasas enmárcase dentro dunha linguaxe figurativa de sólida raíz galega. As súas primeiras obras posúen un contido de carácter socio-político. Máis tarde, ao mesmo tempo que a súa pintura faise máis xestual e expresionista, a temática céntrase na representación dun mundo intimamente ligado á súa terra. As obras do pintor realizáronse en diálogo coa tradición, escolmando dela elementos significativos, perseguidos de xeito obsesivo, e cheos dunha intensa forza plástica.

A mostra totalmente gratuíta pódese visitar de luns a venres de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 20:30 horas; sábados de 10:30 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 horas; domingos e festivos de 11:00 a 14:00 horas. Máis información na www.redemuseisticalugo.org e no 982242112.

Alfonso Sucasas Guerra
Naceu en 1940, na parroquia lalinense de Goiás. Desde os dez anos, demostrou un especial interese polo debuxo, así como unhas boas aptitudes. A súa formación iniciouse aos quince anos cando decide prepararse para o exame de ingreso nunha academia oficial de belas artes. A formación recibiuna dun profesor da Escola de Artes e Oficios de Lalín. Un ano máis tarde, trasladouse a Madrid para continuar coa súa formación e de aí, a Venezuela, onde expuxo en localidades coma Maracaibo, Valencia ou Barquesineto. En San Paulo, Brasil, traballou en como xefe de decoración duns grandes almacéns, departamento no que entrou como debuxante. Ao mesmo tempo, durante uns oito anos, realizou exposicións en numerosas cidades do país.

En 1978 regresa a Galicia, momento no que realmente inicia na súa terra a súa carreira pictórica. Realiza exposicións en todas as grandes cidades galegas e tamén no ámbito nacional, en coñecidas salas de Sevilla, Barcelona, Madrid ou Bilbao. En 1990, O Xacobeo encárgalle pintar unha serie de cadros que foron expostos por diferentes localidades europeas, coincidindo co trazado do Camiño de Santiago. En 1999, realiza a súa exposición antolóxica na Deputación de Pontevedra. O pintor lucense faleceu tras unha larga enfermidade na Vila de Cruces no 2012.