Deputación de Lugo

Máis de 3.000 persoas participarán en Xermade no Encontro Internacional de Torneiros co que colabora a Deputación

- A Deputada de Cultura e o Alcalde presentaron este mércores a cita artesanal que organiza o Concello de Xermade os días 23, 24 e 25 de setembro -  Esta edición contará coa presenza de catro espertos internacionais: o coruñés Manuel Castro, o tinerfeño Rafael Saigí, o grego Nikos Siragas e o inglés Jason Smith - O organismo provincial colabora con esta cita cunha achega económica de 3.000 euros e a través da Fundación TIC, que se encargará de elaborar unha reportaxe para a difusión e promoción do encontro

A Deputada de Cultura, Artesanía e Deseño, Pilar García Porto, presentou este xoves na Biblioteca municipal de Xermade o XVI Encontro Internacional de Torneiros, que organiza o Concello xermadés os días 23, 24 e 25 de setembro. Fíxoo xunto ao Alcalde, Roberto García Pernas. O organismo provincial colabora con esta cita cunha achega económica de 3.000 euros e a través da Fundación TIC, que se encargará de elaborar unha reportaxe para a difusión e promoción do encontro. Tamén colabora a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, e a Aldea Artesán de A Fraga.

García Porto subliñou que “é un pracer colaborar co Concello de Xermade e cos mestres torneiros na difusión e promoción dos oficios tradicionais. Creo que é de xustiza recoñecer a labor dos nosos artesáns, pois o seu traballo diario manteñen vivos os oficios tradicionais que caracterizan a nosa cultura. Estes profesionais son un exemplo de compromiso coa identidade galega e de superación, ademais de que demostran que a tradición e a innovación non están enfrontadas, senón que poden conxugarse perfectamente, sendo un valor engadido que impulsa a nosa economía”.

Nesta edición o encontro contará coa presenza de catro espertos internacionais: o coruñés Manuel Castro, o tinerfeño Rafael Saigí, o grego Nikos Siragas e o inglés Jason Smith.

Encontros Internacionais de Torneiros
Os Encontros Internacionais de Torneiros naceron en 2001 na Aldea Artesán de A Fraga, no Concello de Xermade, coa intención de recuperar do esquecemento un oficio tradicional en Galicia, documentando as ferramentas, maquinaría, materias e técnicas de traballo para logo dalas a coñecer ao maior número de persoas posibles. Este evento sempre se celebra no municipio xermadés na segunda quincena do mes de setembro. Unha das finalidades didácticas que persegue é divulgar os valores do oficio, algo que está a ter resultados satisfactorios, pois o público asistente cada vez ten mais argumentos para diferenciar artesanía e industria. Durante catro días, reúnense profesionais e afeccionados para compartir sabedoría e experiencia, ao tempo que se achega ao público en xeral o mundo da tornearía.

Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño
A Fundación Centro Galego dá Artesanía e do Deseño é unha entidade sen ánimo de lucro que depende da Dirección Xeral de Comercio da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia. Entre as súas labores principais atópase o desenvolvemento de liñas de investigación destinadas a especializar e perfeccionar técnicas de elaboración que permitan mellorar a calidade dos produtos artesanais, ademais de optimizar o proceso produtivo xa que se entende que a innovación, o deseño e a calidade son as bases coas que conta a artesanía para sobrevivir. O principal fin da Fundación, creada no ano 2003, é dotar ao sector artesanal dunha infraestrutura especializada para que poida desenvolver programas de asistencia, formación, innovación, catalogación, promoción, comercialización e calquera outro aspecto inherente á cultura dos oficios artesanais en Galicia.

Programación do Encontro
Venres 23 de setembro (de 14:00-16:00 péchanse as actividades).
- 10:30 horas.- Inauguración oficial
- 10:30 a 19:30 horas.- Exposición e venda de maquinaria, ferramentas e publicacións no Polideportivo Municipal
- 10:30 a 19:30 horas.- CONtornos Exposición Itinerante de madeira torneada na Biblioteca Pública Municipal
- 10:45 a 14:00 horas.- Demostracións para os inscritos no Polideportivo Municipal (Rafael Saigí, Jasón Smith, Nikos Siragas)
- 16:00 a 19:30 horas.- Demostracións para os inscritos no Polideportivo Municipal (Rafael Saigí, Jasón Smith, Nikos Siragas)
     
Sábado 24 de setembro (de 14:00-16:00 péchanse as actividades).
- 10:30 a 14:00 horas.- Demostracións para os inscritos no Polideportivo Municipal (Rafael Saigí, Jasón Smith, Nikos Siragas)
- 10:30 a 19:30 horas.- Exposición e venda de maquinaria, ferramentas e publicacións no Polideportivo Municipal
- 10:30 a 19:30 horas.- CONtornos Exposición Itinerante de madeira torneada na Biblioteca Pública Municipal
- 10:30 a 19:30 horas.- Exposición de pezas torneadas aportadas polos participantes no Polideportivo Municipal
- 16:00 a 19:30 horas.- Demostracións para o público por parte dos relatores e de Manuel Castro Romero (torneando con llerga) no Polideportivo Municipal
- 16:00 a 19:30 horas.- Espazo de iniciación o torneado supervisado por monitores no Polideportivo Municipal
- 18:00 a 19:30 horas.- Escolma das pezas para a Exposición Itinerate CONtornos no Polideportivo Municipal
   
Domingo 25 de setembro
- 10:30 a 14:00 horas.- Demostracións para o público por parte dos relatores e de Manuel Castro Romero (torneando con llerga) no Polideportivo Municipal
- 10:30 a 19:30 horas.- Exposición e venda de maquinaria, ferramentas e publicacións no Polideportivo Municipal
- 10:30 a 19:30 horas.- CONtornos Exposición Itinerante de madeira torneada na Biblioteca Pública Municipal
- 10:30 a 19:30 horas.- Exposición de pezas torneadas aportadas polos participantes no Polideportivo Municipal
- 14:00 horas.- Clausura oficial no Polideportivo Municipal