Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación defende a práctica deportiva non federada ante as trabas do Executivo da Xunta  

Imaxe deputación de lugo
-  A Xunta introduciu unha modificación na Lei 3/2012 coa que se incrementan os prezos pois introduce a obrigatoriedade de contar cunha póliza de asistencia sanitaria individual para cubrir accidentes deportivos sexan federados ou non - O Executivo provincial solicita á Xunta que dialogue directamente cos organizadores das actividades non federadas, sen interferencias das Federacións, así como que exerza de mediadora entre as compañías aseguradoras para garantir prezos xustos

O Grupo Provincial Socialista da Deputación presenta ao Pleno de mañá unha moción en defensa da práctica deportiva non federada ante as trabas que unilateralmente lle interpuxo o Executivo da Xunta coa modificación do artigo 22, referido a Eventos Deportivos, da Lei 3/2012.

Con esta modificación, o Goberno galego incrementou notablemente os custos pola celebración de competicións á marxe das Federacións, condicionando o futuro das mesmas, que na provincia de Lugo son moi numerosas en todos os seus Concellos (ligas locais, maratóns sala, ligas de fútbol 7, torneos de baloncesto..).

O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, explicou que isto supuxo “un incremento de gastos, tanto para os deportistas individuais como para as propias organizacións. O principal problema é que moitas ligas corren o risco de desaparecer pois, ou están federadas ou non poderán competir”.

Rivera Capón apuntou que a Xunta obriga agora aos organizadores ou impulsores de calquera evento deportivo a contar cunha póliza de asistencia sanitaria individual para cubrir accidentes deportivos sexan federados ou non, conseguindo que as compañías aseguradoras viran neste novo marco normativo unha oportunidade para incrementar os seus prezos ata o punto de facer insostibles a celebración de eventos á marxe das federacións.

Neste senso, cómpre subliñar a presión que están a exercer as propias Federacións co visto e prace da Xunta, para que toda práctica deportiva teña que ser necesariamente federada. Segundo recoñecen moitos clubs da provincia, “ou estás federado ou vai ser moi difícil obter un seguro privado que cubra as actividades deportivas”. “Estanse a dar situacións nas que se está obrigando ao deportista a adquirir pólizas dun so día, cando o propio deportista xa ten o seu propio seguro e as instalacións tamén”.

O Executivo da Deputación presenta esta moción ao Pleno para instar á Xunta de Galicia a iniciar un diálogo activo e directo con todos os organizadores das actividades deportivas non federadas na provincia, sen interferencias das Federacións, e para que inicie un proceso de intermediación coas compañías aseguradoras e se garantan prezos acordes aos deportistas e ligas non federadas.