Deputación de Lugo

A SD Brollón celebra o seu 25 aniversario coa disputa dun torneo triangular

- A entidade deportiva de A Pobra do Brollón reunirá o sábado ao Club Deportivo Lugo e ao Club Lemos no Campo dos Medos para celebrar a efeméride - Rivera Capón convidou aos veciños da localidade lucense a “presenciar esta festa do fútbol modesto e ser partícipes dun día moi especial para a SD Brollón” - Tras a disputa do torneo terá lugar unha cea conmemorativa na carpa instalada no aparcamento anexo ao estadio, amenizada por varias actuacións musicais

O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, presentou este mércores en San Marcos o torneo de fútbol triangular que disputarán a SD Brollón, o Club Lemos e o Club Deportivo Lugo xuvenil para conmemorar o 25 aniversario da entidade deportiva de A Pobra do Brollón. No acto tamén estiveron presentes Javier Quiroga Castro, representante da SD Brollón; Marco Antonio López Queiroz, conselleiro do CD Lugo, e David Prado, artista lucense.

Rivera Capón convidou aos veciños de A Pobra do Brollón a “presenciar esta festa do fútbol modesto e ser partícipes dun día moi especial para o equipo da localidade, que cumpre un cuarto de século de historia, sendo un club de soleira no ámbito galego e na división autonómica lucense”.

Programación
O torneo celebrarase o próximo sábado, 6 de agosto a partir das 18.30 horas, no Campo dos Medos. Cada encontro terá unha duración de 45 minutos. O primeiro partido en disputarse será o que enfrontará á SD Brollón e ao Club Deportivo Lugo. A continuación, o conxunto albivermello medirase ao Club Lemos e, para finalizar, será o equipo anfitrión, o que clausure o evento co seu choque fronte ao combinado de Monforte.

Durante os descansos entre os encontros levaranse a cabo sorteos entre os afeccionados que se acheguen a presenciar o triangular. Ao finalizar o mesmo, farase entrega dos premios aos gañadores e, rematada a cerimonia, terá lugar unha cea para festexar a efeméride na carpa instalada no aparcamento anexo ao campo de fútbol.
O prezo da cea será de 20 euros e a entrada poderá adquirirse nos establecementos 1º de Mayo, Farmacia Cristina Touza, Imprenta Santolhao ou a través de calquera membro da directiva da Sociedade Deportiva Brollón. Así mesmo, o evento estará amenizado por varias actuacións musicais, que serán de balde, destacando a presenza do cantautor lucense David Prado e do grupo musical Garabelo.