Deputación de Lugo

O Goberno ofrece á Xunta traballo conxunto para implantar en Lugo industrias de transformación sobre o sector primario

- O voceiro informou sobre a moción que o Executivo leva ao Pleno de mañá, instando á Xunta a desenvolver conxuntamente coa Deputación un Plan de Industrialización na provincia para implantar factorías transformadoras do sector primario - Santos Ramos explicou con datos oficiais que, aínda que Lugo lidera a produción láctea e a da madeira no Estado, Galicia sitúase á cola de España en canto á industria - O Executivo ofrece á Xunta con custos vantaxosos o 40% dos terreos libres nos seus 7 polígonos nos Concellos lugueses, que suman uns 195.000 metros cadrados, para situar industriais transformadoras do sector primario, especialmente as de segundo nivel

O voceiro socialista, Álvaro Santos Ramos, informou este luns sobre a iniciativa que o Goberno da Deputación leva ao Pleno de mañá, instando á Xunta de Galicia a desenvolver conxuntamente, entre ambas as dúas institucións, un Plan de Industrialización na provincia de Lugo, enfocado á implantación de factorías transformadoras sobre o sector primario, especialmente as de segundo nivel. O Goberno Provincial comprométese a aportar a superficie industrial dispoñible nos polígonos que construíu nos Concellos lugueses con custos vantaxosos. (AXÚNTASE MOCIÓN).

Santos Ramos explicou con datos oficiais que Galicia, e en concreto a provincia de Lugo, lidera no Estado tanto a produción láctea como a da madeira. Pola contra, a Comunidade galega está nos postos máis baixos no conxunto de España en canto á industria transformadora, provocando a perda de numerosos beneficios.  

- A provincia luguesa xera 1 millón de toneladas de leite, que representan máis do 43% da produción total de Galicia, facendo que a Comunidade galega sexa a principal produtora láctea de España. Pola contra, Galicia sitúase no posto número 7 de industrias lácteas, por detrás de comunidade como País Vasco, que só produce o 2,5% do leite de España.

- O volume de cortas anual de madeira na provincia luguesa oscila entre o millón e 3 millóns de metros cúbicos, facendo que en Galicia se concentre o 55% das cortas de madeira en España. Pola contra, as comunidades que lideran as empresas transformadoras de madeira son Cataluña (17,34%), Andalucía (14,38%), Valencia (13,57%) e Madrid (9,58%).

195.000 metros cadrados
Ante este desequilibrio que supón a perda de beneficios para Galicia en xeral e para Lugo en particular, o Goberno da Deputación ofrece á Xunta de Galicia 195.000 metros cadrados de chan industrial para a implantación de industriais transformadoras do sector primario, especialmente de segundo nivel.

A distribución deste espazo libre nos polígonos da Deputación é a seguinte: no concello de Ourol, 14.869 metro cadrados; Paradela, 22.821 metros cadrados; Baleira, 700 metros cadrados; Friol, 34.708 metros cadrados; Begonte, 7.000 metros cadrados; Castroverde, 61.371 metros cadrados; e Chantada, 55.348 metros cadrados.

O voceiro do Goberno explicou que a Deputación construíu un total de 518.153 metros cadrados de chan industrial nos mencionados 7 polígonos. Deste espazo, o 61% está vendido ou reservado (320.183 metros cadrados). Polo tanto, hai libre menos do 40% (195.970 metros cadrados). Para a ocupación das áreas industriais, o Executivo da Deputación leva anos poñendo en marcha medidas para abaratar o custo do metro cadrado. Actualmente, os prezos oscilan entre os 18 euros en Baleira (mínimo) e os 40 euros en Castroverde (máximo). Tamén ofreceu medidas pioneiras en España como o financiamento nun mesmo paquete da compra do terreos e da construción das instalacións.

Acordos da moción
Os acordos que o Grupo Provincial Socialista presenta ao Pleno de mañá para a súa aprobación son os seguintes:

- A Deputación de Lugo insta á Xunta de Galicia a desenvolver conxuntamente entre as dúas administracións un Plan de Industrialización da provincia de Lugo enfocado á implantación de industrias transformadoras do Sector Primario, especialmente as de segundo nivel.

- A Deputación de Lugo comprométese a aportar a superficie industrial dispoñible nos diferentes polígonos desenvolvidos a través da entidade dependente SUPLUSA cos custes que no desenvolvemento do plan se consideren máis vantaxosos para a consecución dos obxectivos.