Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación dinamiza a educación no rural, colaborando coa Asociación Nenea, medrar creando

-López Izquierdo mantivo este venres un encontro con nenos e traballadores da casa escola que posúe este colectivo en San Xoán do Alto, en Lugo, e co que colabora o Executivo Provincial para a realización de actividades e obradoiros durante o ano- Esta escola lucense ofrece un modelo educativo alternativo baseado no contacto coa natureza, aproveitando os recursos de proximidade como explotacións gandeiras, bosques e hortas, respectando a perspectiva de xénero e promovendo a igualdade- No local que posúe a asociación, cedido gratuitamente polo Concello de Lugo, os 13 nenos, de entre 3 e 6 anos, realizan diferentes xogos, obradoiros de arte, pintura, prensa, monicreques, canto, así como saídas aos bosques da contorna

A Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, mantivo este venres un encontro con nenos na casa escola que posúe a Asociación Nenea, medrar creando en San Xóan do Alto, no Concello de Lugo. Trátase da escola lucense que ofrece un modelo educativo alternativo baseado no contacto coa natureza, aproveitando os recursos de proximidade como explotacións gandeiras, bosques, hortas...., respectando a perspectiva de xénero e promovendo a igualdade entre os pequenos.

O Goberno da Deputación colabora con esta asociación cunha axuda económica de case 1.000 euros para a realización de obradoiros e actividades con nenos durante todo o ano. Ademais, o Executivo Provincial asesorou á este colectivo a través da terceira edición do Campus de Emprendemento Sostible da Deputación que permitiu definir e concretar as ideas deste novidoso proxecto educativo. López Izquierdo supervisou as instalacións e as actividades que realizan os nenos xunto á Presidenta e á Secretaria do colectivo, Bibiana Marful e Sofía Otero.

A Deputada de Promoción Económica e Social destacou que “dende o organismo provincial colaboramos con este tipo de iniciativas pedagóxicas alternativas e diferentes que promoven unha educación que achega aos nenos o contacto directo coa natureza e o arte, aproveitando os medios que nos ofrece a nosa contorna para a aprendizaxe dos pequenos e deste xeito dinamizar a vida no rural”.

Asociación Nenea, medrar creando

Esta entidade sen ánimo de lucro naceu en 2015 a través de familias que compartían esta visión do mundo educativo e que quixeron participar activamente no proxecto de espazo de aprendizaxe activa en comunidade. O local que posúe o colectivo en San Xoán do Alto é cedido gratuitamente polo Concello de Lugo. Actualmente a asociación está integrada por 17 familias e conta con 13 nenos lucenses, de entre 3 e 6 anos. Os pequenos teñen un horario de luns a venres de 9:00 a 15:00 horas e comen xuntos na casa escola. Durante todo o ano realizan xogos, obradoiros de arte, de pintura, de prensa, de monicreques, de canto, así como saídas aos bosques con Duna, o can de Nenea. Ademais, durante as fines de semana organizan encontros dirixidos ás familias co obxectivo de conciliar a vida laboral e familiar.