Viveiro conta coa primeira audioguía do Concello gracias ao apoio da Deputación e a Mancomunidade
O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, e o Presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano García, e a Alcaldesa de Viveiro, Maria Loureiro Garcia, presentaron esta mañá na Praza Pastor Díaz, a primeira audioguia teatralizada da cidade do Landro. Este proxecto, que promove o Goberno da Deputación, a través da Mancomunidade de Municpios da Mariña, inclúe tamén audioguías para os cascos de Ribadeo e Viveiro que foron presentadas onte. O Goberno da Deputación é o principal impulsor deste proxecto cun investimento de 25.000 euros, explicou Vidal Baamonde.
Na presentación tamén estiveron presentes os responsables da empresa de realizar este proxecto, o Grupo Chévere, unha compañía de teatro con 30 anos de traxectoria que creou e xestionou un teatro propio durante 20 anos (a Sala Nasa), realizou numerosos proxectos audiovisuais tanto en cine como na televisión e internet e desenvolveu un proxecto de compañía residente único en España, ademais de ser unha das nove compañías de teatro galardoadas co Premio Nacional de Teatro desde 1949.
Poñer en valor os recursos patrimoniais naturais e culturais
O Deputado de Turismo remarcou que esta iniciativa novidosa contribuirá a poñer en valor os recursos patrimoniais naturais e culturais, así como os conxuntos históricos da provincia, que contribúen de xeito decisivo a impulsar actividades de promoción turística nos 16 Concellos desta Comarca.
Vidal Baamonde dixo que estas audioguías son un soporte moi difundido no sector turístico, utilizado habitualmente para valorizar o patrimonio histórico e artístico. E, por iso, son un recurso complementario das visitas con guía e mesmo das visitas teatralizadas, que seguro terán moito éxito na Comarca.
Historias persoalizadas e adaptadas a cada destino
O Presidente da Mancomunidade, Alfredo Llano García explicou que estas audioguias desenvolven historias persoalizadas e adaptadas a cada destino. Concretamente, en Mondoñedo o fío condutor é Cunqueiro, en Ribadeo proponse un paseo polo Ribadeo Indiano, e en Viveiro convértese nunha viaxe no tempo pola historia da cidade a través dalgúns personaxes históricos. Polo tanto, estamos diante dun produto cun coidado proceso de documentación no que se identifican sucesos, personaxes e lugares con nome propio, que forman parte da intrahistoria de cada sitio, que servirán para descubrir a esencia de cada unha das vilas e, ao mesmo tempo, descubrir a Comarca.
A Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, agradeceu a implicación da Deputación e da Mancomunidade neste novidoso proxecto. Viveiro conta coa primeira audioguía grazas ao apoio da Deputación e da Mancomunidade. Nese senso sinalou que este novidoso proxecto contribuirá a atraer máis visitantes ao noso Concello, estas audioguías son un aliciente máis para descubrir Viveiro.
Viveiro
Neste caso, o roteiro por Viveiro convérsese nunha viaxe no tempo pola historia da cidade a través dalgunhas personaxes históricas, unhas anónimas e outras con relevancia na vida política, económica ou artística. Acompañaremos a un paseante nouturno nunha viaxe fantástica por rúas e prazas de Viveiro, seremos espectadores das súas conversas con Pastor Díaz, George Borrow, Nemesio Barreiro, Maruxa Mallo ou Emilio Caxete O Rabeno, asistiremos á toma do Concello liderada por Xan de Izá en 1812, e aos sucesos de novembro de 1911, seremos testemuñas da rivalidade entre a Banda dos Exploradores e Os Tolinos, seguiremos a Don Adolfito o trovador, escoitaremos algúns maios e algunha copla de entroido. Coñeceremos o testamento de María Sarmiento e os negocios de José Barro, visitaremos o Colexio Insigne, a Casa dos Leóns, a taberna de Rosendo, o Convento das Concepcionistas, a Igrexa de Santa María, a Calexa das Monxas, o Pazo Valledor, o Teatro Pastor Díaz, a Calexa do Muro, a Praza de Abastos e a Fonte da Area.
O relato está influído pola literatura fantástica. É un conto de pantasmas, unha historia de mortos vivintes que nos permite revivir escenas do pasado de Viveiro. Só ao final descubriremos que a persoaxe que nos conduce a través das rúas do casco histórico de Viveiro é tamén unha pantasma. Ao chegar á Fonte da Area poderemos descubrir que a voz narradora é unha homenaxe ao ilustre intelectual e diplomático vivarense Lois Tobío. Unha personaxe que é interpretada por Pepe Penabade, actor nacido en Viveiro.
Percorrido
A duración do paseo é de 47 minutos. Este é o percorrido:
- Praza Maior
- Rúa María Sarmiento/Porta Maior
- Rúa de Abaixo/Casa dos Leóns
- Rúa de Abaixo/Praza da Fonte Nova
- Rúa Melitón Cortiñas/Rúa Rosalía de Castro
- Porta da Vila
- Avda. De Lourdes/Convento Concepcionistas
- Igrexa de Santa María/Calexa das monxas/Porta do Valado
- Rúa de Arriba/Irmáns Vilar Ponte
- Rúa de Luis Trelles/Teatro Pastor Díaz
- Calella do Muro
12. Praza de Abastos/Ribeira/Fonte da Area