Deputación de Lugo

Un ano máis a Ribeira Sacra contará co Festival Internacional de música, grazas ao apoio do Goberno da Deputación

- Campos Conde presentou este xoves o 17º Ribeira Sacra co que o Executivo Provincial colabora con máis de 24.000 euros, convertendo á institución na fundamental patrocinadora deste evento, dentro da súa aposta polo impulso turístico da zona- O festival terá lugar do 27 de xullo ao 5 de agosto, con concertos de artistas internacionais en lugares emblemáticos e en adegas da zona.  Reunirá a máis de 3.500 persoas xerando uns 250.000 euros de beneficios e máis de 60 postos de traballo - O Presidente subliñou que “botamos en falta máis implicación da Xunta de Galicia, institución coas competencias en Turismo, así como da Deputación de Ourense que non destina nin un só euro á celebración deste evento tan importante para a Ribeira Sacra” - Inclúe visitas guiadas, roteiros, catas de viño ou degustacións de produtos autóctonos. O Concello de Monforte facilita espazos gratuítos de acampada

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, presentou este xoves no embarcadoiro de Doade, o Festival 17º Ribeira Sacra. Trátase da segunda edición do Festival Internacional de música que ten a Ribeira Sacra grazas ao apoio do Goberno da Deputación, que é o principal patrocinador deste evento cunha achega económica de máis de 24.000 euros, dentro da súa aposta por impulsar o turismo e a economía da zona. No acto tamén participaron o Deputado de Turismo, Eduardo Vidal; o Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé; o Alcalde de Sober, Luis Fernández; o Alcalde de Chantada, Manuel Varela; a Alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Ines Vega; e o director do festival, Carlos Montilla.

O festival terá lugar do 27 de xullo ao 5 de agosto en espazos e lugares emblemáticos de Monforte de Lemos, Chantada, Sober, Ourense, Castro Caldelas, A Teixeira e Negueira de Ramuín. O Concello de Monforte de Lemos achega de 5.000 euros. Tamén colaboran o resto de municipios onde se celebra o festival, así como o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, AGADIC e Galicia Calidade.

Campos Conde destacou que “un ano máis, convertemos ao Goberno da Deputación, no principal patrocinador do Festival da Ribeira Sacra para consolidalo como un dos máis potentes de toda Galicia. Botamos en falta máis implicación da Xunta de Galicia, institución coas competencias en Turismo, así como da Deputación de Ourense que decidiu non destinar nin un só euro á celebración deste evento, tan importante para toda a Ribeira Sacra. Pola nosa parte, dende a Deputación seguiremos apostando por este tipo de iniciativas porque consideramos que non son un gasto se non un investimento para a nosa provincia, que sen dúbida dinamizará a economía, o turismo e a vida nas vilas da Ribeira Sacra”.

Música, patrimonio, vitivinícola e gastronomía

O 17º Ribeira Sacra mestura a música de artistas internacionais coa promoción patrimonial, natural, vitivinícola e gastronómica dos establecementos da zona. “Eses son os catro eixos do festival co que propoñemos unha experiencia ao redor da música en directo, do viño, nunha zona de excelencia vitivinícola, e do patrimonio natural e cultural da Ribeira Sacra” apuntou Carlos Montilla.

O festival divídese en dúas fines de semana con conceptos diferenciados: experiencias musicais para sentir o territorio e directos exclusivos en espazos patrimoniais. A programación inclúe concertos no Parador de Monforte, no Miradoiro de Santiorxo, no Castelo de Castro Caldelas, no Parador de Santo Estevo, na Praza de España de Chantada, así como visitas guiadas aos Concellos e ás adegas da zona, con catas de viños e degustacións de produtos autóctonos en Rectoral de Amandi, Regina Varium, Reitoral de Gundivós, e Adega Algueira.

3.500 espectadores, 60 empregos e 250.000 euros en beneficios

Segundo as previsións que manexa a organización, o festival reunirá a máis de 3.500 persoas, procedentes de toda Galicia, xerando un volume de negocio para a provincia de máis de 250.000 euros e máis de 60 postos de traballo directos e indirectos. Ademais, como na anterior edición, espérase o 100% da ocupación hoteleira na zona.

Cartel variado e para todo tipo de públicos

Carlos Montilla subliñou que “é un cartel moi variado, dirixido a todo tipo de públicos e gustos, sobre todo para as familias, e no que os asistentes poderán ver en directo a artistas como Coque Malla, De Vacas, Elvis Perkins, Freedonia, Fuckaine, Ghost Beast, Gloria, Harvesters, Holly Miranda, Morgan, Mujeres, Puerto Candelaria, Ten Fé, Tulsa, Woods e moitos máis, que fan desta, unha segunda edición moi potente”.

Este ano o festival contará como cabeza de cartel con Coque Malla, un artista con máis de tres décadas nos teatros e nos escenarios desde o seu debut cos Ronaldos e no que aproveitará para presentar o seu último traballo Irrepetible. Ademais, o cartel contará co espectáculo do cantautor e guitarrista de folk pop indie, Elvis Perkins, comparado con lendas da música como Bob Dylan, Leonard Cohen, Van Morrison e Nick Drake.

Entradas

Carlos Montilla destacou que xa venderon o 70% dos abonos do Festival 17º Ribeira Sacra. Os interesados en mercar as entradas dos diferentes paquetes por días que se ofrecen para o evento poden facelo a través da www.festivalribeirasacra.com.