Deputación de Lugo

O I Encontro Galego de Consellos Consultivos do Camiño de Santiago comezou hoxe coa análise da perspectiva xurídica da ordenación urbanística e da colaboración entre comunidades autónomas

Imaxe deputación de lugo
Teresa Conde-Pumpido, José López Orozco, José Ramón Gómez Besteiro, Raquel Arias e Mauro Varela inauguraron esta mañá o Encontro en Lugo

Os participantes debateron hoxe, entre outras cuestións, sobre as demolicións urbanísticas e a protección xurídica do Camiño As xornadas de traballo continuarán mañá venres en Santiago de Compostela A Fundación Caixa Galicia de Lugo acolleu hoxe a primeira sesión de traballo do I Encontro Galego de Consellos Consultivos do Camiño de Santiago que –organizado polo Consello Consultivo de Galicia coa colaboración do Concello e a Deputación Provincial de Lugo– reúne a preto de 50 representantes dos altos órganos consultivos das comunidades autónomas polas que transcorren o Camiño Francés, o Primitivo e o do Norte: Galicia, Asturias, Castela-León, A Rioxa, Navarra e País Vasco, ás que se sumaron algunhas máis como é o caso de Castela-A Mancha ou Andalucía, entre outras, dado o interese dos temas que se abordarán nas distintas sesións de traballo. Na inauguración do Encontro participaron a delegada territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias Rodríguez; o presidente de Caixa Galicia, Mauro Varela Pérez; o presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro; o alcalde da capital lucense, José López Orozco, e a presidenta do Consello Consultivo de Galicia, Teresa Conde-Pumpido, quen agradeceu a colaboración de todas as institucións para a celebración destas xornadas que, segundo dixo, constitúen un foro de reflexión conxunta que permiten aos consellos consultivos solventar dúbidas parra ofrecer mellores solucións á hora de desenvolver a súa misión: prestar o mellor aseoramento posible ás Administracións para que estas actúen con eficiencia. Pola súa banda, López Orozco manifestou o valor que ten o traballo, moitas veces silencioso, dos consellos consultivos, un labor de asesoramento ao que dixo “todos temos que recurrir, particularmente os concellos como administracións máis próximas aos cidadáns”. Nesta mesma liña se pronunciou o presidente da Deputación de Lugo quen agradeceu ademais o feito de que a provincia de Lugo, que acolle varios dos distintos itinerarios do Camiño de Santiago, fose elixida para o desenvolvemento do Encontro. Neste sentido, Raquel Arias sinalou precisamente como unha das funcións dos consellos consultivos do Camiño, reunidos hoxe en Lugo, a de velar polo respeto da Ruta Xacobea. Por último, o presidente de Caixa Galicia, salientou a importancia da colaboración entre as administracións públicas e as institucións privadas, sempre en beneficio da cidadanía. Logo do acto inaugural, o profesor titular de Dereito Constitucional da Universidade do País Vasco, Javier Tajadura Tejada, abordou no seu relatorio a regulación en torno aos convenios de colaboración celebrados entre comunidades autómonas, materia sobre a que os consellos consultivos deben ser consultados preceptivamente. O profesor Tajadura –experto de recoñecido prestixio na materia– repasou na súa intervención o marco xurídico da cooperación horizontal entre comunidades autónomas, fixado fundamentalmente no artigo 145 da Constitución, e afondou no dispar desenvolvemento que se recolle neste ámbito nos distintos Estatutos de Autonomía. Así e entre outras cuestións, analizou a importancia da distinción entre convenios e acordos de cooperación, o significado e alcance da “xestión e prestación de servizos”, a delimitación do concepto de “comunicación” ás Cortes Xerais, as competencias para aprobar os convenios e acordos e a eficacia xurídica de ámbolos dous modelos do exercicio cooperativo. A sesión de traballo pechouse cunha mesa redonda sobre “Urbanismo e función consultiva” na que se debateu e reflexionou sobre a problemática xurídica dun tema de plena actualidade e preocupación común, como é o urbanismo, con especial fincapé nas demolicións urbanísticas, a delimitación de competencias entre concellos e administración autonómica e doutras administracións públicas, así como outros supostos referidos á protección xurídica do Camiño. Un dos temas analizados na mesa foi o referido á responsabilidade patrimonial das Administracións, tanto das locais como das autonómicas, cando se anula unha licenza de obra e como consecuencia hai que proceder ao derribo da construción. Estímase que en Galicia podería haber na actualidade uns 300 derribos previstos como consecuencia de sentenzas xudiciais que anulan licenzas de obra. Cómpre lembrar ademais que a lexislación vixente permite aos afectados esixir unha indemnización, cuestión que tamén foi analizada durante o debate. Nesta mesa redonda participaron destacados expertos na materia como Bernardo Fernández Pérez, profesor de Dereito Internacional Público da Universidade de Oviedo e, actualmente, presidente do Consejo Consultivo del Principado de Asturias; Francisco Javier D´Amorín Viéitez, maxistrado na Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e, hoxendía, conselleiro electivo do Consello Consultivo de Galicia; Gorka Erlantz Zorrozúa Aierbe, vogal da Comisión Jurídica Asesora de Euskadi; e Ignacio Granado Hijelmo, letrado e autor de diversos artigos e publicacións sobre a asistencia xurídica ás comunidades autónomas e na actualidade, secretario xeral do Consejo Consultivo de La Rioja. O I Encontro Galego de Consellos Consultivos do Camiño de Santiago continuará mañá venres en Santiago de Compostela, cunha reunión de traballo na que se exporán as conclusións do encontro ao tempo que se valorará a continuidade destas xornadas noutro punto da xeografía estatal. Así mesmo desenvolverase unha conferencia de presidentes de Consellos Consultivos de toda España, na que participarán un total de 16 Comunidades Autónomas entre as que figuran Canarias e Baleares. A celebración deste Encontro nas cidades de Lugo e Santiago non é pois casual xa que se desenvolve, no primeiro caso, no marco de Lugo10 –marca coa que o Concello e a Deputación están a conmemorar o décimo aniversario da declaración da muralla romana como Patrimonio Mundial pola UNESCO– e no segundo, polo especial protagonismo que acada este ano a capital galega coa celebración do Xacobeo 2010.