Deputación de Lugo

Besteiro compromete o financiamento da piscina climatizada de Sarria, aforrándolle este gasto ó Concello

Imaxe deputación de lugo
A Deputación asume o custe desta infraestrutura multifuncional que dará servizo a toda a Comarca logo de que o Concello non obtivese a colaboración da Xunta de Galicia

O complexo deportivo súmase a outros investimentos que o organismo provincial executa neste municipio e que suman preto de 2 millóns de euros A actuación inclúese dentro do Plan Extraordinario de Obra Pública da Deputación, que mantén postos de traballo e aforra cartos ós Concellos O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou este martes en Sarria que o organismo provincial financiará a piscina climatizada que o Concello construirá no barrio das Insuas, logo de que este non obtivese a colaboración da Xunta de Galicia. Deste xeito, a Deputación dota ós veciños de Sarria dunha infraestrutura demandada, aforrándolle cartos ó municipio sarriano. Gómez Besteiro destacou que “permítanme a expresión, pero como dicía o Presidente da FEMP, Pedro Castro, a Xunta de Galicia pide a Dios en Madrid pero non lle dá nin a Cristo. Todas as administracións estamos a pasar un momento difícil e todos estamos a desenvolver plans de austeridade, pero hai algús que parece que a súas competencias non van con eles. Isto vai a provocar que comezemos a preguntar para que queremos a Xunta e a un Presidente que non busca solucións ós problemas senón que os crea”. Neste senso, o titular provincial subliñou que “hai que pensar que a piscina non é un tema exclusivamente de Sarria senón da comarca, polo que debía estar respaldada pola administración autonómica. Nós entendemos a reivindicación deste municipio, polo que nos vindeiros días estableceremos a pauta de colaboración. Falta moito tempo para as eleccións municipais, polo que o que lle toca ás administracións é traballar e non crear problemas nin entrar na dinámica de canto peor mellor. Dentro dun ano o que vai pensar o veciño é quen estaba aí cando realmente facía falta”. O Presidente da Deputación tamén se referiu ó corredor que unirá Sarria con Monforte de Lemos e que cuxa execución depende exclusivamente do goberno autonómico. “Vexo con preocupación como se vai levar a cabo este vial. Trátase de dar os pasos como na anterior obra para que para cando a siutación económica mellore poida ser desdobrada. Ata Sarria está moi ben executada e conta cuns accesos impresionantes. Neste caso, a Xunta tampouco está a facer os deberes”. O Concello está a redactar o proxecto da infraestrutura que constará de dous vasos, un de 25 metros de longo por 12,5 de ancho e outro de iniciación duns 90 metros cadrados. Ademais, disporá de ximnasio, catro salas polivantes e espa. A actuación enmárcase dentro do Plan Extraordinario de Obra Pública, dotado con 60 millóns de euros de fondos propios da Deputación, co que o organismo provincial está a manter numerosos postos de traballo pero sen incrementar nin un só euro a débeda pública. Concretamente, inclúese dentro da partida de 9.650.000 euros destinada a convenios cos municipios para a execución de obras e mantemento de servizos municipais. Pola súa banda, o rexedor municipal agradeceu o compromiso manifestado por Gómez Besteiro, “xa que esta era unha débeda histórica. Levamos máis de 20 anos agardando a que a piscina se contemple nos plans da Xunta. Recentemente fixen unha visita á Secretaria Xeral para o Deporte donde lle pedín o cumprimento desta necesidade, e atopeime coa negativa. Sarria e a súa comarca son máis de 30.000 habitantes polo que é obrigado ter esta infraestrutura. Ante esta situación, chamei ó Presidente da Deputación e foi sensible á petición. En próximas datas asinaremos o convenio para que, unha vez rematado o proxecto, poder iniciar as obras. Hoxe é un día moi importante para Sarria”. Mellora do Camiño en Sarria O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado do Alcalde, Claudio Garrido, tamén supervisou as obras de acondicionamento do treito final do Camiño de Santiago no barrio de Vigo de Sarria, no que o organismo provincial inviste 350.000 euros, dentro do Plan Extraordinario de Obra Pública. A actuación inclúe aglomerado en quente para garantir a durabilidade desta parte do Camiño, que ten unha lonxitude de 145 metros. En canto ós servizos, instalarase toda a rede de saneamento e de abastecemento, así como a de baixa tensión, alumeado público e telecomunicacións. O proxecto en execución contempla tamén a construción de aparcadoiros en formigón e de beirarrúas con lousa tipo pizarra. Gómez Besteiro comprometérase a realizar esta obra hai uns meses nunha viaxe realizada a este municipio. O responsable provincial destacou que “ó final se demostra que cando as obras están ben planificadas se poden facer. Isto chámase credibilidade, un tesouro moi valorado para os políticos. Esta é a cara que se lle ofrece ó peregrino cando chega a Sarria, polo que non podía estar así. Precisamente, hoxe había un camiñante que tivo que agardar a que se lle abrise o albergue, o que non se pode permitir. A Xunta de Galicia estase despintando moito”. A este respecto, Garrido indicou que “é unha obra importante porque levamos moito tempo demandando o seu arranxo. Foi un compromiso do Presidente da Deputación, e agora felizmente estamos iniciando os traballos. É un compromiso cumprido que ten máis importancia porque se produce nun ano como este”. Outros investimentos neste municipio Asimesmo, a Deputación tamén está a levar a cabo a recuperación e mellora do firme das estradas LU-636 que vai de Seteventos a Monseiro, dende o punto quilométrico 0,000 ó 5,015, e da CP 5707 da Guiada a Luseiro, dende o punto quilométrico 0,000 ó 1,750, e nas que a institución provincial inviste 767.829 euros. Para o parque de bombeiros, que xa está practicamente rematado e que entrará en funcionamento ó longo deste ano, a Deputación xa investiu 476.513 euros. Dentro do Plan de Mantemento da Rede Viaria Proivncial aprobado ata 2012 a este Concello correspóndenlle 259.365 euros. Asimesmo, para a roza das estradas a cantidade que lle corresponde é de 11.629 e 22.347 dentro do Plan de Obras e Servizos (POS). Ademais, nos últimos dous anos a Deputación subvencionou obras neste municipio por valor de 87.832 euros co Plan de Comunidades Veciñais. Precisamente, o máximo mandatario provincial e o rexedor municipal visitaron a igrexa de Maside que será rehabilitada dentro do Plan de 2010.