Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación acorda coa Conselleira de Política Territorial a posta en marcha das Comisións Técnicas que permitirán reestructurar as estradas provinciais

Deputación e Xunta elaborarán un mapa estratéxico que contemplará a xerarquización da rede viaria provincial

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e a Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María Xosé Caride, mantiveron este luns unha xuntanza na delegación que o departamento autonómico ten en San Caetano, Santiago de Compostela. Na reunión o máximo mandatario provincial acordou coa responsable da COPTOPT a posta en marcha das Comisións Técnicas que permitirán racionalizar o mapa da rede provincial. A Deputación de Lugo é titular de 4.447 kilómetros de vías, o que representa o 45% do total das estradas provinciais de toda Galicia. Esta xuntanza permite dar cabida a un dos obxectivos do equipo de goberno, manifestado xa polo seu Presidente, “de chegar a acordos coa Xunta de Galicia para actualizar a titularidade das estradas, facilitando o mantemento das mesmas ó tempo que se lles oferte un mellor servizo ós cidadáns”. A posta en marcha das Comisións Técnicas enmárcanse dentro do Plan de Reequilibrio Territorial de Galicia que prevé un investimento superior ós 800 millóns de euros para a provincia de Lugo. Neste senso, Gómez Besteiro indicou que na xuntanza “se analizou a situación das estradas da Deputación, barallando o seu traspaso desde unha actitude máis racional para mellorar o servizo dos cidadáns e o propio mantemento das vías”, explicou o máximo mandatario provincial. Gómez Besteiro tamén lle trasladou á responsable do departamento autonómico a necesidade de elaborar un mapa estratéxico provincial que contemplará “a xerarquización das vías en función da súa importancia”. Deste xeito, farase unha división das estradas en tres categorías segundo a súa ubicación e uso, un sistema novidoso, xa que “ata o de agora todas os viais tiñan a mesma consideración en non se establecían prioridades á hora de realizar as obras.