Deputación de Lugo

Preto de 100 persoas sobrevoarán esta semana a Mariña e o Concello de Lugo en helicóptero con Km0 Xtreme

Imaxe deputación de lugo
Dende que se iniciou o programa en setembro do ano pasado, preto de 400 solicitantes individuais redescubriron a provincia a través desta iniciativa

A Ribeira Sacra, a Montaña e Ribadeo, destinos elexidos polo resto de participantes das outras tres rutas do programa medioambiental

Preto de 100 persoas redescubrirán esta semana a Mariña e o Concello de Lugo cunha viaxe en helicóptero, incluída na modalidade Xtreme de Km0. En total, dende que a Deputación puxo en marcha esta iniciativa en setembro de 2009, 384 solicitantes individuais sobrevoaron durante quince minutos a provincia dende as tres bases establecidas: Villaframil (Ribadeo), Rozas (Lugo centro), e Pobra de Brollón (zona sur). O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu a un grupo de AFAMMER de Foz e a outro de solicitantes individuais no Pazo de San Marcos dentro do programa medioambiental. Os 48 veciños de Foz desprazáronse ata a Ribeira Sacra, onde visitaron a adega Abadía da Cova e fixeron un percorrido en catamarán dende Chouzán a Igrexa, ademais de subir ó mirador de Cabo do Mundo. Asimesmo, os 48 solicitantes individuais sobrevoaron a ría de Ribadeo en helicóptero. A ruta tamén incluiu unha visita ó Mosteiro das Clarisas e ó casco histórico deste Concello mariñano. O mércores, 48 integrantes da Asociación de Veciños “Augas Férreas de Vileiriz” (Páramo) decantaranse pola Montaña. Nesta zona da provincia, visitarán as pallozas do Piornedo e o pobo de Donís. Ese mesmo día, outras tantas persoas visitarán Avifauna e redescubrirán o Concello de Lugo en helicóptero. Finalmente, o xoves 48 membros da Asociación de Veciños de Salcedo (Pobra de Brollón) viaxarán ata o Concello de Ribadeo. Neste caso, o itinerario incluirá unha visita ás praias das Catedrais e dos Castros, ó porto de Rinlo e ó aeródromo de Villaframil.