Deputación de Lugo

A Deputación inicia a recuperación da titularidade dos terreos do Pazo de Tor

Imaxe deputación de lugo
O Presidente do organismo provincial condiciona a permanencia da Deputación na Fundación Centro Superior Cinexético e Piscícola de Galicia ó cumprimento da lei e ordea o análise da extinción da Fundación.

O Padroado acorda iniciar o estudo de accións legais e dar traslado de toda a información ó Ministerio Fiscal. Gomez Besteiro explicou pormenorizadamente os resultados do estudo económico-financeiro, patrimonial e medioambiental, xa que informes técnicos revelan numerosas irregularidades e “esta non é unha finca privada, senón patrimonio de todos”. Múltiples irregularidades foron reveladas nos informes técnicos que avaliaron as actividades da Fundación Centro Superior Cinexético e Piscícola de Galicia. O Presidente da Deputación de Lugo e recén nomeado Presidente da Fundación Centro Superior Cinexético e Piscícola de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, explicou pormenorizadamente os resultados do estudo económico-financeiro, patrimonial e medioambiental que encargou na reunión do patronato celebrada esta mañá, na que estivo ausente a Xunta de Galicia. Gómez Besteiro ordeou na reunión do Padroado: -Iniciar a recuperación da titularidade dos terreos cedidos no seu día pola Deputación de Lugo e supeditar a permanencia da Deputación na Fundación ó respecto á lei e a unha xestión “baixo parámetros públicos”. -Iniciar o estudo da extinción da Fundación. -Regularizar a situación económica-financeira, aboando as débedas relacionadas e priorizando o pago dos salarios ós traballadores. -Requerir á Xunta de Galicia para que realice as actuacións oportunas por resolver coa Deputacióne as cuestións legais que ralentizan o funcionamento. -Proceder á reforestación dos espazos obxecto da tala masiva practicada, realizando previamente unha análise de custes. -Solicitar a Xunta a súa aportación económica pendente. -Estudar o inicio de acción legais e enviar toda a documentación ó Ministerio Fiscal. “Non toca facer política con Tor, senón xestionar asuntos de máxima urxencia. É necesario facer fronte ás debedas que poden existir como os pagos de nóminas ós traballadores, á Seguridade Social ou ás debedas ós proveedores. A finca de Tor non é unha finca privada, senón que é patrimonio de todos, o que nos esixe máis responsabilidade”, subraiou Gómez Besteiro e engadiou que “só nos move un obxectivo: defender os intereses dos veciños desta provincia e salvagardar o patrimonio que inicialmente cedeu a Deputación á Fundación, máis de 200 hectáreas”. Cando a Deputación iniciou unha investigación, sinalaba tres alarmas que hoxe arroxan preocupantes resultados segundo os informes técnicos: PRIMEIRA ALARMA: SITUACIÓN ECONÓMICA “A medida que afondamos na análise da situación económica da Fundación, xorden novos impagos. Detectamos débedas a proveedores, a maioría empresas locais. Canta máis información temos, máis débedas contabilizamos a proveedores, chegando polo momento aproximadamente a 106.000 euros”, afirmou Gómez Besteiro. Exemplos das débedas son: nóminas de 3 traballadores, gasolineira, Unión Fenosa, con paradores de Monforte e ó Hostal dos Reis Católicos, etc. Os técnicos sinalan nos seus informes que a Fundación é propietaria de dous vehículos: Nissan Terrano II -que ten o seguro caducado, polo que se ordeou inmobilizalo nas instalación de Tor, e co pagamento do imposto de vehículos no Concello de Monforte en periodo executivo-, e un Wolkswagen Touran -adscrito á Xerencia, sendo requerida a súa devolución vía burofax o 6 de xullo pero aínda non foi devolto-. A Xefatura Provincial de Tráfico constatou que existen varios expedientes sancionadores por un valor de 1.490,00€ e que todas as multas están sen pagar, agás unha que foi cobrada vía executiva. Os informes técnicos sinalan textualmente “que temos no noso poder unha factura de data 28/07/2008 núm. dun concesionario do servizo oficial de Wolkswagen a nome da Fundación Centro Superior Cinexético e Piscícola, por valor de 2.206,08€ correspondente á reparación dun vehículo Wolkswagen Lupo W Lupo 99. Feitas as oportunas averiguacións, apuntan a que é propiedade da esposa do cesado director xerente”. A pesar de ter vehículos á disposición da Fundación, os informes subliñan que existen facturas de aluguer de vehículos por parte do xerente –entre eles un Audi- nas que figura un sobrecargo debido a presuntos incumprimentos do contrato de aluguer. Con respecto ás viaxes ó estranxeiro, os informes sinalan textualmente que “temos constancia documental dunha viaxe de 3 patronos a África, en concreto a Johannesburgo, Namibia e Tanzania cun custe arpoximado de 20.000 euros euros só en concepto de billete e taxas. As facturas foron emitidas por unha axencia de viaxes o 09/12/2008 a cargo da Fundación”. Hai actuacións que os técnicos consideran de difícil xustificación e que aparecen reflectidas no informe anual de actividades do 2006, como que 10 parellas de coellos autóctonos tiveran 575 fillos, xa que nin en condicións óptimas se obteñen estes resultados, ou que a finca fora repoboada con 625 árbores cando na propia documentación din que foron plantados menos dunha centena. Gómez Besteiro explicou que, ademais de actuar diante a Axencia Tributaria, Rexistro de propiedade, abrir novas contas bancarias, cambiar as pechaduras, alimentar ós animais, limpiar e acondicionar as instalacións, facer averiguacións na Xunta de Galicia, na DGT, na Subdelegación do Goberno, etc… A Deputación saldou a día de hoxe as súas débedas coa Fundación, xa dirixida por un novo padroado, e faltaría o pago da Xunta de Galicia, que non realizou ninguna aportación desde o ano 2005. SEGUNDA ALARMA: TALAS MASIVAS A Deputación encargou a valoración económica do aproveitamento forestal do pazo de Tor. O documento estima que o valor da madeira extraída ascende a 725.000€ e que o custe dos danos nas pistas forestais, froito do paso de maquinaria pesada para a recollida da madeira, ascende a 288.000 euros. Considera tamén que a repoboación da zona talada precisaría de 55.000 plantas para repoblar 50 hectáreas e sinala textualmente que “para esta corta empregouse un criterio financeiro… Se busca obter o máximo volume de madeira”. TERCEIRA ALARMA: ABSOLUTA DEIXADEZ NAS PISTAS E ACCESOS E NO TRATO ÓS ANIMAIS Os técnicos destacan o mal estado de pistas, camiños, o tendido eléctrico caído polo chan… pero os resultados aínda son máis contundentes cando se trata dos animais alí aloxados. Os informes técnicos destacan as tremendas escenas que se presenciaron e que revelan textualmente “unha deixadez absoluta e un maltrato animal”. A situación chegou a tal punto que a Consellería de Medio Ambiente notificou a denuncia con data 3 de xuño de 2008 por infracción grave contra a Fundación por cazar dentro da finca. O informe da Xunta di textualmente que “si se estaba practicando a acción de cazar” e que “queda probado que se estaba cazando utilizando un artefacto cuxa posesión sanciona o artigo 57.25 da Lei da Caza de Galicia e utilizando ademais como chamariz un animal vivo”.