Deputación de Lugo

A Deputación e a Fundación TIC, presentes
en Inforensino

Imaxe deputación de lugo
Incorporar ós espazos de formación ferramentas de produción de contidos audiovisuais e multimedia é un dos obxectivos do programa “Lugo en Acción”

A Fundación TIC e a Deputación Provincial de Lugo impartiron o obradoiro “Lugo en Acción” dentro das xornadas de Inforensino VIII, que se desenvolveron no Pazo de Ferias e Congresos de Lugo do 14 ó 16 de setembro. O encontro reuniu a 400 profesores de toda Galicia e centrouse en ponencias formativas relacionadas coas tecnoloxías da información e da comunicación. A través dun obradoiro de vídeo e dun set instalado para a realización de entrevistas en TV, presentouse en Inforensino o programa de formación en linguaxes audiovisuais “Lugo en Acción” que se desenvolve en centros de ensino secundario da provincia. Este programa formativo ten como un dos seus obxectivos prioritarios facilitar ós docentes a posibilidade de traballar recursos de produción de contidos audiovisuais e multimedia a través do manexo de medios técnicos e materiais de fácil acceso para os centros educativos. As linguaxes audiovisuais deben forman parte dun “novo ambiente de ensino e aprendizaxe” e abrir novas vías de transmisión do coñecemento. A presenza de novas pantallas (móbiles, videoconsolas, Ipod,...) fan necesario que desde as escolas afrontemos o reto de educar no seu emprego, non só para facer un uso crítico, racional ou para adquirir coñecemento, senón tamén para poder facer uso das posibilidades que permiten como ferramenta que pode enriquecer o proceso de formación.