Deputación de Lugo

A Deputación salda a débeda que mantiña desde
o 2005 co Plan de Cooperación
coas Comunidades Veciñais

A Deputación modificará a estrutura deste Plan para darlle máis protagonismo ós Concellos

A Deputación de Lugo salda a débeda que o organismo provincial mantiña desde o 2005 coas Comunidades veciñais logo de que se aprobasen este venres, na Xunta de Goberno Local, as contas xustificativas de 19 obras do Plan de Cooperación coas Comunidades Veciñais para os concellos de Xermade, Viveiro, Sarria, Pantón, Meira, Guitiriz, Parga, O Corgo, Castroverde, Folgoso do Courel, Bóveda, Barreiros e Cervantes, así como a subvención que aporta a Deputación de Lugo. O importe total destes proxectos é de 217.327 euros, dos que a administración provincial achega 128.100 euros. O voceiro provincial do PSOE, Antonio Gato Soengas, calificou de “paciencia franciscana a actitude destas Comunidades, as cales veñen sufrindo retrasos incomprensibles e inxustificables que se imputan ó anterior goberno provincial”. Neste senso, Gato Soengas indicou que se fixo unha “revisión exhaustiva” de cada un dos expedientes para proceder á súa aprobación e, posteriormente, ó seu pagamento. No procedemento de revisión salientou que tamén se atoparon unha serie de subvencións que non cumprían os requisitos nas bases da convocatoria. Neste senso, o voceiro provincial xa adiantou que se procederá á unha nova revisión para proceder ó seu pagamento ou ben, denegar a súa aprobación. O voceiro provincial socialista adiantou ademais que este Plan será modificado no ano 2008. “No afán da Cooperación cos Concellos, este Plan debe de ir destinado a pequenas infraestruturas e a servizos que serán executados polos Concellos. O Plan visualizarase no próximo exercicio presupostario”, indicou Gato Soengas. Entre as obras acollidas a este plan está a restauración da Capela da Manuela, no concello de Bóveda, a restauración da Casa Escola de Seber, en Carballedo e os traballos de reforma do Teleclub Social de Vilar de Cas, en Castroverde. Outros dos proxectos subvencionados pola Deputación son a traída de auga en Seivane, Cervantes; os acondicionamentos dos Locais Sociais de Vilar de Mouros, en Meira e de Espesantes, en Patón; a canalización de auga para rego en San Pedro, Ribas de Sil; o peche do campo da festa de Piñeira en Sarria; ou a reparación do muro do cierre do cemiterio de Covas, en Viveiro. Reunión do Parque de Bombeiros O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, reunirase o vindeiro martes no Pazo de San Marcos, día 6 de novembro ás 12:00 horas, cos alcaldes implicados na posta en marcha do parque de bombeiros de Barreiros. Segundo o voceiro provincial socialista, Antonio Gato Soengas, “trátase dunha reunión fundamental para o Presidente porque afecta á seguridade das persoas”. O Parque de Barreiros será o primeiro en abrirse dado que xa está construído. Neste senso, Gato Soengas, en contestación ás últimas declaracións do Partido Popular, indicou que “o que é vergonzosa é a actitude dos populares, xa que nunca se preocuparon disto durante os 24 anos que rexentaron o organismo provincial. Trátase dun retraso inexplicable que sufriron todas as comarcas, donde o abandono foi evidente”. O Presidente reunirase cos alcaldes dos concellos de Ribadeo, Foz, Barreiros, Alfoz, Trabada, A Pontenova, Mondoñedo, Riotorto, Lourenzá e O Valadouro. Outras asuntos da Xunta A Xunta de Goberno tamén aprobou o proxecto reformado do campo da feira de Rábade e o seu entorno atendendo así á petición do Concello. O goberno local considerou a necesidade de ubicar dentro da zona de actuación das obras da Deputación a construción de colectores de lixo soterrados. Esto implica unha variación respecto ó proxecto aprobado, polo que se estimou axeitado realizar estas obras agora para evitar levantar máis tarde o pavimento que está incluido no proxecto actual. Esta reforma, que se someterá a información pública, non cambia o prezo do contrato nin as demais cláusulas administrativas.