Deputación de Lugo

As Deputacións de Lugo e Ourense iniciarán
liñas de traballo en conxunto

Os Presidentes das Deputacións de Lugo e Ourense buscarán solucións para problemas históricos como o dos Peares ou a posta en valor da riqueza medioambiental da Ribeira Sacra

¿Se a Ourense lle vai ben, a Lugo lle irá ben e viceversa”. Con estas verbas, explicou o Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, a base da relación que retomaron hoxe as Deputacións de Lugo e Ourense cun encontro oficial dos seus máximos responsables no Parador de Santo Estevo de Ribas do Sil (Ourense). Os dous mandatarios fixeron fincapé na necesidade de poñer en valor o eixo interior, establecer liñas de traballo común e normalizar as relacións entre ámbalas dúas institucións. Atendendo a unha invitación do Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro citouse esta mañá co seu homólogo na Deputación de Ourense para retomar unhas relacións entre as dúas administracións, que se remontaban, por última vez e oficialmente, ó ano 1994. Nesta ocasión, ademais de normalizar as relacións entre as dúas Deputacións, abordáronse numerosos asuntos: ¿Falamos de normalizar as relacións, de colaborar en materia medioambiental e turística, das melloras nas infraestruturas. Temos moitos retos por diante: os novos fondos europeos, a situación dos catamaráns e embalses, potenciar a Ribeira Sacra, a próxima contratación da autovía Lugo-Ourense. Teño confianza cega en que o traballo común entre as dúas administracións, á marxe das diferenzas políticas, será bo para todos”, explicou Gómez Besteiro. Pero esta xuntanza oficial tamén serviu para ¿iniciar as conversas que permitan solucionar vellos conflitos, como o dos Peares, que pertence a catro concellos e a dúas provincias. Imos profundizar no problema, falar cos alcaldes e buscarlle solución. Ten que haber vías dentro do Consorcio para buscar unha fórmula que poña fin a unha situación irracional”, dixo Gómez Besteiro. ¿Os Peares xa non é un tema tabú que, ata certo punto, puido selo”, afirmou Baltar. Eixo interior A visita foi un reencontro do interior de Galicia na que se puxo de manifesto a necesidade de seguir poñendo en valor o eixo interior. Para o Presidente da Deputación ¿este encontro era necesario. Podemos non chegar a acordos nalgunha cousa pero o importante é que haxa diálogo. Nos orzamentos provinciais do ano 2008 é onde estarán as partidas económicas definidas”. Neste senso José Luis Baltar tamén subliñou a necesidade do encontro: ¿Creo que tiña a débeda de invitar ó Presidente da Diputación de Lugo. Tomei a iniciativa de chamalo en agosto por un asunto. Foi todo amabilidade e disposición para solucionar o problema. Vendo a grande receptibilidade do Presidente, dixen: temos que aproveitalo porque Lugo e Ourense estamos condenados a entendernos. Estamos unidos a Lugo pola mellor parte que podía haber: a Ribeira Sacra”, afirmou. Baltar engadiu: ¿Non queremos facer nada na parte da Ribeira Sacra e o Río Sil que non conte co apoio e a comunicación coa Deputación de Lugo. Queremos sacarlle máis rendibilidade a esas actuacións e facelas en conxunto. Non como antes, que se facian individualmente. As suxerencias que podamos facer, vannas tratar na Deputación de Lugo, e se podemos melloralas entre todos, mellor. Gustaríame facer unha promoción turística da zona en conxunto, que nos materiais turísticos aparecesen os logotipos das dúas administracións e non por separado”. Por iso, a vontade dos dous Presidentes é que estas reunións se celebren periodicamente entre diversos niveis das dúas administracións para avaliar o traballo en común. Con respecto ás infraestruturas, Gómez Besteiro lembrou que ¿a autovía Lugo-Ourense e a entrada do AVE por Ourense cara a Lugo, así como o Plan de Reequilibrio Territorial, unirán o que as malas comunicacións separaron durante as últimas décadas. A autovía ímola ver, en parte, contratada no ano 2008”. No transcurso da visita, intercambiáronse agasallos institucionais. O Presidente lucense fíxolle entrega a José Luis Baltar dunha peza de cerámica e unha bufanda do Centro de Artesanía. Pola súa banda, recibiu unha escultura que simboliza o poder da aguas termais de Ourense. Visita á vendima en Ribas de Sil Unha vez concluída a xuntanza no Parador ourensán, o Presidente pulsou a realidade de parte do sector vinícola da provincia de Lugo visitando personalmente ós vinicultores que facían a vendima na Viña da Costa, en Ribas do Sil, na que estaban a traballar unhas 40 persoas. Nesta visita estivo acompañado polo Alcalde de Ribas de Sil, Miguel Ángel Sotuela. ¿Creo que a mellor forma de coñecer os problemas do sector do viño, da súa industria e das empresas vinícolas é vir a Ribeira Sacra, onde está moi interiorizada a cultura do viño”, afirmou Gómez Besteiro. Posteriormente o Presidente compartiu con eles un xantar.