Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo e a Confederación Hidrográfica do Norte estreitan colaboracións na protección dos ríos
da provincia

Marquínez presentou a Gómez Besteiro o proxecto de restauración do río Eo que supón un investimento de 5 millóns de euros

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e o Presidente da Confederación Hidrográfica do Norte, Jorge Marquínez, mantiveron este martes unha xuntanza para avanzar nos proxectos que ámbalas dúas institucións abordarán conxuntamente destinadas á protección e mellora das cuncas fluvias da provincia de Lugo. Entre outros temas, os dous mandatarios abordaron a mellora do río Eo ó seu paso pola Pontenova e o Proxecto Integral da Conservación da Cunca Alta do Miño, que promove a Confederación Hidrográfica do Norte. No acto, no que tamén estivo presente o Subdelegado do Goberno en Lugo, Jesús Otero, Gómez Besteiro sinalou que a confianza é un dos valores máis importantes en política, polo que “a colaboración da CHN e doutras administracións é unha cuestión estratéxica para levar a cabo o proxecto medioambiental da provincia”. Neste senso, trasladoulle a Jorge Marquínez que nesta nova estapa do goberno provincial “o medio ambiente pasa a ser a prioridade número un”. O Presidente da Deputación lembrou que o pasado venres o organismo provincial presentaba os 4 proxectos europeos enmarcados dentro do financiamento dos fondos FEDER e Fondo Social Europeo. Deste xeito, Gómez Besteiro indicou que “fóra do proxecto o que queremos decirlle a outras administracións é que o medio ambiente é unha prioridade para o equipo de goberno. Superamos o discurso das infraestruturas e agora, dentro da idea de que todos sumamos, queremos implicarnos nos destinos medioambientais, polo que para iso é necesario a colaboración da CHN, da Xunta de Galicia e dos Concellos”. Para o titular da Deputación a materialización da colaboración co organismo da cunca supón abrir novas vías de actuación. “Onte pechábase un capítulo con Chantada, pero ábrense outras capacidades de investir, por iso queremos que a sintonía entre Estado e as administracións autonómica, provincial e local non se rompa”. Protocolo con Concellos do Alto Miño Marquínez presentou á Deputación os protocolos que o organismo da cunca ofreceu ós Concellos da Cunca Alta do río Miño para protexer as ribeiras das cuncas desta zona e evitar as ocupacións das áreas inundables dos mesmos. Polo de agora, Guitiriz é o primeiro Concello que asinou este compromiso, aínda que a CHN xa extendeu a oferta ós Concellos de Pol, A Pastoriza, Abadín, Rábade, Begonte, Friol, Cospeito, Xermade, Castro de Rei, Outeiro de Rei, Meira e Vilalba. Nos protocolos que se negocian con estes Concellos, a CHN xa aportou a documentación cartográfica relativa á delimitación dos corredores fluviais destes municipios, en cumprimento do compromiso adquirido polo Presidente do organismo na última reunión celebrada cos rexedores municipais destes Concellos. Este proxecto, que se constitúe como pioneiro no norte de España, ten como obxectivo involucrar activamente a todas as administracións con competencias que afecten á conservación das cuncas fluviais, é dicir, ós Concellos, no apartado de ordenación urbanística; á propia Confederación, como xestora do dominio público, e á Xunta de Galicia e á Deputación, no apartado de conservación e preservación do entorno medioambiental. Dentro desta colaboración con outras administracións, Marquínez indicou que a sintonía da que falaba Gómez Besteiro “favorece a cordialidade e a confianza para abordar os proxectos con moita enerxía”. A nivel práctico, as liñas deste proxecto pasan por unha serie de investimentos na mellora das cuncas, corrección de defectos de saneamento e abastecemento e acondicionamento de ribeiras complementadas por un compromiso activo dos Concellos da cunca alta do Miño na preservación dos corredores fluviais como zonas verdes e rústica dentro dos Plans de Ordenación Municipais. A inversión comprometida pola Confederación do Norte para melloras nestes ríos é de 30 millóns de euros, dos que 20 será aportados polo Ministerio de Medio Ambiente, a través da CHN. Neste senso, Marquínez incidiu na importancia da colaboración da Xunta e da Deputación para “operar na totalidade de intervencións e na necesidade de que os Concellos se sumen a esta iniciativa aportando terreos e facendo actuacións complementarias para lograr que a curto prazo teñamos no Alto Miño a rede de corredores biolóxicos-fluviais máis importante de España”. Mellora do Eo na Pontenova Marquínez entregou ó Presidente da Deputación de Lugo o novo proxecto de restauración do río Eo ó seu paso pola Pontenova, que se inclúe no Plan Hidrolóxico Forestal e de Restauración de Cuncas e Enclaves Naturais na provincia de Lugo. Este proxecto sufriu unha modificación para adaptalo ás novas consideracións da política de restauración de cuncas minimizando a repercusión ambiental das obras incluídas no proxecto orixinal. O titular da CHN destacou que “se trata dun proxecto que pretende rescatar un espazo verde en torno ó río Eo e que dará calidade de vida nun enclave de extraordinario valor”. O proxecto final do acondicionamento supera os cinco millóns de euros, que serán aportados nun 70% pola Confederación Hidrográfica do Norte en un 30% pola Deputación. As obras previstas exténdese un 750 metros, desde a ponte existente sobre o río, situado xunto á Casa do Concello, cara augas arriba, e uns 360 metros cara augas abaixo. No novo proxecto, buscouse realizar unha actuación menos “dura” desde o punto de vista medioambiental, para o que se ocupará unha maior superficie de terreo para conseguir unha ampla chaira de asolagamento, naquelas zonas donde é posible grazas á ausencia de vivenda, cun elemento de protección moito máis natural. No que respecta ás escolleiras, optouse por substituír os encauzamentos de formigón por un cabalón acabado con taúde en terra vexetal nos lugares nos que sexa posible deixando as escolleiras para as zonas que fan inviable outro tratamento. Por último, o proxecto complétase cun paseo peatonal pola marxe dereita do río, varios accesos ó entorno do río, unha nova ponte de tráfico rodado sobre o Eo e unha pasarela metálica que substituirá a ponte existente na actualidade na zona da Casa do Concello. Tamén se prevé a construción dun pozo de bombeo de residuais necesario para recoller verquidos fecais dalgunhas vivendas e elevalos ata a rede existente.