Deputación de Lugo

Antón Bao presenta a Semana Forestal 2009 no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo

O vicepresidente primeiro da Deputación recalcou a necesidade de achegar os máis novos ao rural e de facelos partícipes do respecto aos montes, un espazo de gran importancia no eido forestal

A Área de Cultura da Deputación colabora no evento promovendo as dúas actuacións do Xabarín Club O vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, participou hoxe xunto co delegado en funcións en Lugo da Consellería de Medio Rural, Emilio López, e o director do Pazo de Feiras e Congresos, Rubén López, na presentación da Semana Forestal 2009. O evento encádrase dentro do programa de actividades previas á feira forestal internacional Foresgal 2010 e que terán lugar os vindeiros días 26, 27 e 28 de marzo nas instalacións do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. No transcurso do acto de presentación, Antón Bao salientou a “necesidade” de achegar os máis novos, a quen definiu coma “o noso futuro”, ao rural lucense e por extensión ao galego. Para o vicepresidente primeiro da Deputación é preciso que a xuventude coñeza todas as posibilidades que lle ofrece o rural e, para iso, as administracións deben pór ao seu dispor toda a información posible e tamén, todas as ferramentas necesarias para desenvolver este labor. A maiores, Antón Bao tamén recalcou “a necesidade de facer partícipe á xuventude do respecto polos nosos montes”. A educación medioambiental, asegurou Antón Bao, é fundamental para concienciar a sociedade da importancia da natureza. Nesta liña, o vicepresidente primeiro da Deputación comentou que a Área de Cultura da administración, a que el pertence, contribuirá fomento desta e doutras iniciativas similares dende a base, traballando cos alumnos de primaria e secundaria lucenses nun proxecto aínda en fase de deseño. Por último, Antón Bao salientou o grande interese que esperta a Festa da Árbore que se celebrará na última das xornadas da Semana Forestal 2009. Tal e como comentou o vicepresidente primeiro, a primeira hora da tarde o grupo Cucarandaina representará a peza teatral “O Conxuro da Árbore”. Logo disto, os máis pequenos gozarán dun espectáculo musical da man do Xabarín Club. Un proxecto no que colaborou activamente a Área de Cultura da Deputación de Lugo. Xa que, tal e como comentou Bao, a música e un boneco tan coñecido e recoñecido polo publico infantil son un xeito ameno e divertido de concienciar ao máis novos da importancia do monte e do rural. Ademais de recibir agasallos os rapaces e rapazas asistentes ao evento poderán plantar unha árbore. Unhas xornadas para achegar o monte á sociedade As actividades da Semana Forestal comezarán o próximo día 26 de marzo coa I Asamblea Técnica Forestal Galega. Unha convención na que tanto profesionais coma estudosos exporán as súas visións e experiencias sobre os novos retos da enxeñería forestal, a xestión e a seguridade na obra forestal e medio ambiental ou sobre o importante papel que xoga a silvicultura na loita contra os incendios nos montes galegos. Ao día seguinte, o venres 27 de marzo, o Pazo de Feiras e Congresos acollerá a Xornada do Uso da Madeira no Rural onde se analizará de xeito pormenorizado a evolución, o deseño construtivo, o papel da administración no fomento e as aplicacións do uso da madeira. Ao seu remate, arredor das 20:00 horas, presentarase a campaña “Monte e agricultura ecolóxica” e a actuación do Xabarín Club. Na última das xornadas deste evento, o vindeiro día 28 de marzo, terá lugar o II Encontro de Comunidades Montes Veciñais de Man Común de Lugo, en horario de mañá. Ás 17:30 horas celebrarase a Festa da Árbore que contará coas actuacións de Cucarandainas e do Xabarín Club. De xeito complementario ás conferencias desenvolverase un curso de Asesoramento e Agricultura Ecolóxica e se abrirá ao público unha exposición temporal sobre a valorización do monte no vestíbulo do Pazo de Feiras, entre outras actividades. A inscrición nestas xornadas pódese realizar a través do seguinte enderezo: http://www.gesticultura.com/foresgal/index2.html É mester lembrar, pois, que esta Semana Forestal nace ao abeiro de Foresgal, a feira forestal internacional de Galicia de carácter bienal que pretende achegar o monte á sociedade lucense e galega, amosándolle como se traballa neste eido e que institucións velan pola súa xestión, ordenación e conservación.