Deputación de Lugo

Gómez Besteiro anuncia a creación de solo industrial en Triacastela

SUPLUSA tramitará en 2009 a construción dun polígono neste Concello por valor de 275.000 euros, “o que permitirá asegurar os postos de traballo da xente nova da localidade”

O organismo provincial inviste preto de 1 millón de euros no Concello da Montaña Luguesa Triacastela acometerá, por primeira vez, a xestión de roza de 15,67 quilómetros de vías provinciais, o que supón un custe para a Deputación de 2.768 euros O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado do Alcalde de Triacastela, Miguel Ángel Fernández López, visitou este mércores os terreos nos que a Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA) acometerá o futuro polígono industrial deste Concello. Deste xeito, a Deputación en colaboración co Concello de Triacastela, levará a cabo en 2009 as actuacións urbanísticas e a tramitación de planeamento necesarias para a construción da área industrial que ten un presuposto previsto de 275.000 euros. A empresa Metal Power solicitou ó Concello a creación da área industrial dadas as necesidades que ten de ampliar as súas instalacións. Esta firma adícase á fabricación de equipación deportiva que exporta a outras zonas de España como Valencia ou Madrid. Data de 1.991, ten 19 traballadores e unha facturación anual de 1 millón de euros. O máximo mandatario provincial destacou que “o que vimos a facer e solucionar un problema que ten esta empresa. Así contribuímos a manter a xente asegurándolles os seus postos de traballo. A Deputación pasa agora a traballar para dar resposta a esta demanda”. Pola súa banda, o Alcalde sublilñou que “sabemos que a Deputación vai axilizar ó máximo o polígono e que imos ter solo industrial para ofrecer a esta empresa e para manter os postos de traballo en Triacastela”. 1 millóns de euros en Triacastela Na visita que realizou ó municipio da Montaña luguesa, Gómez Besteiro destacou que a institución provincial está a investir preto de 1 millón de euros neste Concello. “Nós estamos colaborando e dun xeito eficaz, que para iso estamos. Isto ratifica o noso compromiso con Triacastela e pon de relevo o noso esforzo inversor neste municipio da Montaña luguesa. Non falo de promesas, son obras e investimentos reais a día de hoxe”. O Presidente da Deputación e o rexedor municipal asinaron o convenio de roza das estradas. Deste xeito, Triacastela acometerá, por primeira vez, a xestión de 15,666 quilómetros de vías provinciais, o que supón un custe para a Deputación de 2.768 euros. No que vai de ano xa se asinaron os convenios de roza de 2009 con 7 Concellos: Viveiro, Burela, Riotorto, Chantada, Sarria, Monterroso, Castro de Rei, Guitiriz e hoxe Triacastela. Unha das liñas estratéxicas da Deputación é a cooperación cos Concellos. Deste xeito, a través da creación voluntaria do Fondo Extraordinario da Deputación, dotado con 1,5 millóns de euros, a este municipio correspondéronlle 5.741euros. Polo que se refire ó Plan de mantemento da rede viaria provincial, que divide a provincia en 13 zonas, Triacastela atópase cos Concellos de O Courel, O Incio, Samos, Quiroga e Ribas de Sil na 10. O mantemento dos 316,447 quilómetros da rede viaria provincial destes municipios ascende a 800.632 euros. Gómez Besteiro tamén visitou varias obras do Plan de Comunidades Veciñais, a través do que a Deputación financia obras de interese comunitario. Triacastela recibiu 36.491 euros que servirán para a execución de 4 obras: reparación de depósitos de auga na parroquia de Pasantes: 6.000 euros, afirmado de camiños na parroquia de Negueiras: 12.000 euros, mellora e ampliación de alumeado público na parroquia de Vilavella: 10.492 euros, e afirmado de camiños en Casares, Doteso e do Castro: 7.999 euros. Neste senso, o titular provincial anunciou que no vindeiro mes avanzaranse as liñas do Plan de Comunidades Veciñais 2009. “Son pequenas obras pero moi importantes para os veciños. A través deste Plan resolvemos problemas vinculados coas traídas de auga, camiños, arranxo de capelas, etc. Polo tanto, creo que estes investimentos son fundamentais, xa que nos permiten satisfacer as demandas dos cidadáns”.