Deputación de Lugo

Gómez Besteiro destaca que o Plan Director de Estradas da Xunta “converte a Lugo na provincia de entrada a Galicia e racha co seu illamento”

Imaxe deputación de lugo

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Deputado de Infraestruturas, Manuel Martínez, asistiron na tarde de onte á presentación do Plan Director de Estradas de Galicia. O titular autonómico, Emilio Pérez Touriño, e a Conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride, facían a posta en sociedade do Plan que conta cun investimento de 16 millóns de euros e que para Gómez Besteiro “permite converter a Lugo na provincia de entrada a Galicia superando o histórico illamento grazas ós máis de 400 quilómetros que percorrerán a provincia”. O máximo mandatario provincial amosou o seu convencemento de que o Plan mellorará o desenvolvemento da provincia. Sinalou que se trata dunha gran noticia, xa que contempla como novidade a construción do corredor da Mariña e o enlace Baamonde-Santiago. “Vemos confirmado dúas cuestións que nos preocupaban: o corredor da Mariña, que comunicará todo o norte da provincia, e a conexión Baamonde con Santiago. Desta forma, a zona que se vertebra en torno a A-6 convertirase nun punto de transferencia de mercancías e de persoas moi importante non só para Lugo senón tamén para Galicia”. Gómez Besteiro lembrou que xa existe unha boa comunicación co norte a través da Transcantábrica, que se verá reforzado co corredor e coas autovías Lugo-Santiago e Lugo-Ourense. “Sen dúbida, cubrimos un tecido importante. Confírmase algo polo que loitamos durante anos, xa que o sur tamén quedará perfectamente comunicado coa vía de alta capacidade Monforte-Ponferrada”. O máximo mandatario provincial referiuse, ademais, ás estradas da rede secundaria que comunicarán o centro co sur e o leste co oeste, como é o caso da montaña e o eixo que vai desde A Pontenova, pasando por Baleira e O Courel. “Con estas estradas, que aproveitará a Consellería, a provincia quedará planchada e perfectamente comunicada. Esta era a verdadeira loita, superar o illamento da provincia”.