Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación aposta pola colaboración das administracións co audivisual galego

Gómez Besteiro participou na mesa redonda “Rodado en Argentina” organizada pola Fundación TIC

O Presidente da Deputación e da Fundación TIC, José Ramón Gómez Besteiro, participou este xoves na mesa redonda “Rodado en Argentina” celebrada os días 6 e 7 de febreiro no Pazo de San Marcos. O debate incluiuse dentro das xornadas que levan o mesmo nome organizadas pola Fundación TIC, dependente do organismo provincial. Gómez Besteiro destacou a importancia de que as “administacións faciliten os medios necesarios para contribuir á potenciación do sector audiovisual galego”. A mesa estivo moderada polo director-xerente do Consorcio Audiovisual de Galicia, Nacho Varela, quen previamente presentou o “Fondo Raíces”, un programa destinado á axuda para coproducións Galicia-Arxentina. No debate tamén participaron os directores Victoria Galardi –autora de “Amorosa Soledad”- e Jorge Algora –cineasta que logo dunha longa carreira adicado á televisión, ós documentais e á publicidade, debutou no sétimo arte con “El niño del barro”- e a produtora Silvana di Franceso. Neste senso, o titular da Deputación amosou o seu convencemento de “que moitos dos alumnos que hoxe nos acompañan serán os directores, realizadores e produtores do futuro. Por iso para conseguir unha formación de calidade é fundamental que coñezan de primeira man a experiencia de profesionais como os que están presentes nesta mesa”. Puxo como exemplo a seguir a traxectoria do fonsagradino Julio Fernández presidente de Filmax e patrono da Fundación TIC, que este mesmo domingo recollía un Goya pola película “Nocturna, unha aventura máxica”. A mesa redonda puxo fin ás xornadas sobre cine rodado en Arxentina. “O vínculo sentimental entre Galicia e Arxentina é moi forte. Por isto este ciclo permite achegarnos un pouco máis a un país ó que emigraron moitos galegos. Temos que esforzarnos para que estes vínculos non se perdan”. Durante a primeira xornada a directora e guionista arxentina Victoria Galardi impartiu un taller de guión ós alumnos da EIS. Na sesión de traballo tamén se analizou a última longametraxe da cineasta, Amorosa Soledad, que participa no Work in Progress do Festival de Berlín. Como complemento ás actividades, durante a mañá do xoves proxectouse no Salón de Actos a película do director galego Jorge Algora, “El niño del barro”, nominada ós premios Goya deste ano na categoría de mellor canción .