Deputación de Lugo

Nelson Zumel pecha, definitivamente, a súa etapa no Museo Provincial de Lugo

Nelson Zumel pecha, definitivamente, a súa etapa no Museo Provincial de Lugo

Nun sinxelo acto, celebrado nunha dependencia anexa ás salas baleiras do que foi o museo Nelson Zumel, o vicepresidente Antón Bao agradeceu ao artista ourensán a súa boa predisposición para a rescisión do convenio asinado cos anteriores responsables da Deputación de Lugo O vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, entregou esta mañá a Nelson Zumel o Galardón Deputación de Lugo. Este recoñecemento foille concedido, ao artista de orixe ourensán, en gratitude polo alto grado de colaboración mantido coa Deputación de Lugo. Segundo o vicepresidente primeiro Antón Bao “é de agradecer a actitude de Nelson Zumel que facilmente comprendeu situación xerada co cambio de goberno da deputación que impoñía a necesidade de iniciar un novo proxecto museográfico”. Con estas palabras Bao entregou o galardón ao artista, agradecéndolle o tempo no que mantivo a súa obra depositada no museo provincial e as facilidades dadas polo pintor á hora de acordar, cos responsables do novo goberno, a rescisión do convenio asinado coa Deputación. Tras o breve acto de entrega do galardón os asistentes e os medios de comunicación puideron visitar as salas, agora baleiras, que deron cabida aos cadros do pintor ourensán durante os últimos 10 anos. A obra de Nelson Zumel chegou ao museo de Lugo no ano 1997 froito dun acordo co anterior goberno da deputación e no medio de unha enorme polémica. Foron moitos os que cuestionaron que 2 plantas da ampliación do museo foran dedicadas a albergar 200 obras deste artista. A obra de Zumel mantívose no museo de Lugo ata a chegada á Deputación do novo goberno bipartito. UN ANO DE CAMBIOS NO MUSEO DE LUGO Grazas ás xestións do responsable da área de cultura, Antonio Veiga, e do vicepresidente primeiro Antón Bao acadouse un acordo con Nelson Zumel para a retirada da súa obra. Unha vez baleiradas as salas ocupadas pola obra de Zumel o museo poderá acometer, neste ano do seu 75 aniversario, un novo proxecto museístico. O vicepresidente primeiro da Deputación, que agradeceu a colaboración e a boa predisposición de Nelson Zumel para a retirada da súa obra, indicou durante a súa intervención que “este nova etapa no Goberno da Deputación suporá un punto de inflexión para o futuro dos museos dependentes da área de cultura. O baleirado das salas ocupadas polo museo Nelson Zumel é o punto de partida dunha nova andaina na que trataremos que os museos se convertan en lugares culturalmente activos e deixen de ser contedores de arte alleos á vida dos galegos e das galegas”.