Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo pagará o canon de Chantada a través dun plan de obras a tres anos

A Xunta de Goberno paraliza o Plan de Comunidades Veciñais 2007 “para normalizar unha situación que era ilegal”

A Deputación de Lugo pagará a débeda que ten contraída co Concello de Chantada polo canon hidroeléctrico dos encoros desde 1981 ata 1985 a través dun plan de obras, dividido en tres anualidades, que será elaborado polo organismo provincial en colaboración co goberno chantadito. Así o sinalou este venres o voceiro do grupo provincial socialista, Antonio Gato Soengas, quen tamén dixo que o acordo contempla a compensación da débeda que Chantada ten contraída coa Deputación polo Imposto de Actividades Económicas desde o ano 1995. Na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, Gato Soengas lembrou que “Chantada foi o único Concello en recurrir” e anunciou que “unha vez cumprido este compromiso, a Deputación abordará o problema co resto dos municipios afectados”. Plan Comunidades Veciñais A Xunta de Goberno deste venres acordou paralizar a concesión de subvencións do Plan de Comunidades Veciñais 2007 aprobadas polo anterior goberno provincial en xullo deste ano “para normalizar unha situación que era ilegal, e darlle garantía xurídica a estas axudas”, afirmou o voceiro socialista. Antonio Gato Soengas lembrou que no pasado mes de marzo o Pleno provincial aprobou as bases que rexen o devandito plan. Sen embargo, no acordo da Xunta de Goberno do 6 de xullo de 2007, polo que se concedían subvencións por un importe de 2.142.000 euros, non se cumpría a base sexta que esixe que estas propostas pasen previamente por unha mesa técnica. Por este motivo, o goberno acordou deixar en suspenso o acordo de xullo, paralizar preventivamente a tramitación dos expedentes administrativos e devolver estes á mesa técnica que nomee a Presidencia baixo os principios de publicidade, transparencia, concurrencia, obxectividade e non discriminación. Antonio Gato asegurou que con esta decisión benefíciase ás Comunidades Veciñais que optan a estas axudas xa que “as subvencións concedidas en xullo poden ser recurridas porque existen irregularidades que vician o procedemento”. Polo que se refire ó Plan de Cooperación con Comunidaes Veciñais de anos anteriores,a Xunta de Goberno aprobou as contas xustificativas de 17 obras presupostadas nun total de 99.551 euros, dos que a Deputación achega 65.555. Os proxectos corresponden a Comunidades Veciñais de Viveiro, Abadín, Barreiros, Castrovedre, Folgoso do Caurel, A Fonsagrada, Friol, Sober, O Saviñao e Trabada. “Dous destas obras eran do Plan de 2005 e o resto do de 2006, e non foron pagadas ata o de agora, o que demostra a paciencia franciscana das comunidades afectadas“ Aforro no Párque Mobil A Deputación provincial aforrará 290.846 euros no aluguer de vehículos para persoal desta institución, logo de que este venres se aprobase a modificación do contrato por catro anos asinado coa empresa Servilugo. Un informe técnico xustifica a devolución de 13 dos vehículos alugados xa que nalgúns casos xa non son necesarios os servizos para os que foron contratados e, noutros, porque son os propios vehículos do Parque Móbil os que prestan estas tarefas. O organismo provincial deberá aboarlle á empresa o 10% do importe pendente ata a fin do contrato, o que supón 32.316 euros. Por outra banda, a Xunta de Goberno acordou destinar 153.000 euros á suscripción de 1.273 participacións sociais de Afigal (Afianzamentos de Galicia Sociedade de Garantía Recíproca). Esta cantidade é o capital correspondente ás catro anualidades ( 2004/2007) que tiña pedentes de aboar o organismo provincial. Coa decisión tomada hoxe o actual equipo de goberno amosa o interese que ten en fomentar o crecemento e a consolidación das pequenas e medianas empresas. O goberno provincial tamén aprobou a adxudicación definitiva de tres proxectos de conservación anual de incidencias e reparación de vías por un orzamento total de 1.037.283 euros. Os proxectos corresponden, por unha banda, ó concello de Navia de Suarna, por outro ós municipios de Xermade, Muras, Vilalba, Guitiriz, Rábade e Bengote e, por último, os concellos de Outeiro de Rei, Lugo, O Cogro e Castroverde.