Deputación de Lugo

A Vicepresidenta Segunda da Deputación clausura a XXIV Mostra Exposición de Muimenta

A Granxa Gayoso Castro doa unha xovenca que foi sorteada entre os asistentes

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, que este domingo clausurou a XXIV Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu), felicitou ós organizadores polo éxito acadado nesta edición. A responsable provincial destacou a importancia que teñen este tipo de iniciativas para favorecer o desenvolvemento do sector agrogandeiro da nosa provincia e para conseguir que as nosas explotacións sexan competitivas. Lara Méndez tamén subliñou o labor que está a realizar a Deputación a través da Granxa Gayoso Castro, que o ano que vén poñerá en marcha un ambicioso centro de recría. A colaboración da institución provincial plasmouse nesta feira coa doación dunha xovenca da Granxa Gayoso Castro que foi sorteada entre os asistentes. INTERVENCIÓN DA VICEPRESIDENTA SEGUNDA: Alcalde de Cospeito, Señoras e Señoras, boas tardes: Hoxe remata a Vixésimo Cuarta edición de Moexmu, unha cita que volveu ser todo un éxito de vendas e público, e que demostra, unha vez máis, a forza que ten o sector primario na comarca da Terra Chá. Isto xa é unha boa noticia. Quero felicitar, por tanto, en primeiro lugar ós organizadores do evento, xa que o esforzo realizado durante meses pagou a pena; unha felicitación que fago extensiva a todo o pobo de Muimenta que cada ano se implica nesta iniciativa contribuíndo á proxección do Concello de Cospeito. Moexmu dalle a oportunidade ós gandeiros e agricultores de coñecer o último en maquinaria co obxectivo de que o labor que desenvolven nas súas explotacións sexa aínda máis eficaz, tecnolóxico e produtivo. Estes días puidemos ver algúns dos mellores exemplares das gandeirías de razas frisona e rubia galega da provincia. Non debemos esquecer que un dos piares da economía de Lugo é o sector agrogandeiro, por iso é fundamental que sexa competitivo. Para acadar este obxectivo, todos estamos sumando esforzos. Sei que o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, xa lles adiantou na inauguración desta feira que estamos a traballar nun ambicioso Centro de Recría de Gando desde a Granxa Gayoso Castro. É un proxecto de 4 millóns de euros que verá a luz o vindeiro ano pero sabemos que xa está a causar moita expectación no sector agrogandeiro. Temos que conseguir que calquera habitante da provincia, independentemte do lugar donde viva, teña as mesmas oportunidades, e a Deputación ten que estar aí para colaborar. Pero en Moexmu non é todo maquinaria e gando. A feira multisectorial tamén reuniu a varios artesáns de toda Galicia e mesmo de fóra da nosa comunidade. Por iso, quero lembrarlles que a Deputación pon á súa disposición un Centro de Artesanía e Deseño, recoñecido internacionalmente, que está a disposición dos artesáns da provincia, e traballa para que os oficios máis tradicionais non se perdan. Queremos dar a coñecer o labor que desenvolvern estes profesionais e que atopen no noso Centro un punto de apoio no seu traballo. Para rematar, reitero a noraboa ós organizadores e anímoos a que sigan por este camiño que, sen dúbida, está a dar tan bos froitos. Moitas grazas!!!