Deputación de Lugo

A Deputación recibe 969.000 euros da Xunta para a adquisición de 5 vehículos contraincendios para o futuro consorcio de bombeiros de Lugo

O Presidente da Deputación e o Conselleiro de Presidencia asinaron esta mañá un convenio de colaboración con este obxectivo

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, asinaron este xoves un convenio de colaboración para a adquisición de cinco vehículos contraincendios e de salvamento para a dotación do futuro Consorcio de Bombeiros da Provincia de Lugo. Con esta fin, o departamento autonómico achegará un total de 969.000 euros –cofinanciados con fondos Feder-, mentres que a Deputación se encargará da licitación e de toda a tramitación necesaria para a súa posta en funcionamento, incluída a xestión das autorizacións necesarias. Ámbolos dous mandatarios destacaron “a velocidade de cruceiro” que caracteriza a todo este proceso. O Presidente da Deputación subraiou que “este convenio foi aprobado hoxe no Consello da Xunta e asinámolo neste mesmo día. E mañá será ratificado en menos de 24 horas pola Xunta de Goberno da Deputación de Lugo”. Besteiro afirmou que “os veciños da provincia de Lugo terán a seguridade de contar cun servizo moderno que garante unhas necesidades que non estaban cubertas”. O máximo mandatario provincial reivindicou o papel da Unión Europea, xa que grazas ó investimento cofinanciado polos fondos FEDER, Lugo recibiu hoxe preto dun millón de euros para os vehículos contraincidencios. Gómez Besteiro tamén agradeceu a actuación do Conselleiro de Presidencia que “desde un principio tivo tendida a man a Lugo”. Neste sentido, o conselleiro afirmou que o acordo, que foi aprobado esta mañá no Consello da Xunta, significa “un paso máis” no proceso pactado entre as dúas administracións para a creación dun consorcio contraincendios e de salvamento que cubra todo o territorio da provincia lucense. Esta entidade, explicou, ten como obxectivo ofrecer unha plena cobertura en situacións de emerxencia por parte de profesionais, cun equipamento axeitado e con cinco bases territoriais que, no momento actual, están en proceso de licitación para a súa construción. Méndez Romeu subliñou que dende que o presidente da Deputación tomou posesión do seu cargo hai menos dun ano téñense dado “pasos de xigante” en Lugo, que tiña a menor cobertura ante as emerxencias de todas as provincias galegas. Así, destacou que se ten pactado xa a creación do Consorcio, a distribución das cargas financeiras entre as dúas institucións e sobre todo, por parte da Deputación, tense axilizado o proceso de disposición de solo das distintas localidades onde existirá parque profesional e o de posta en marcha do propio consorcio. “Estamos recuperando agora a marchas forzadas un tempo desgraciadamente perdido nos anos anteriores –declarou-, e con isto conseguiremos a finais do ano 2009 que Lugo teña unha cobertura máxima en toda a provincia cun servizo homoxéneo e profesional, e polo tanto garantindo aos cidadáns que van ter o grao máximo de atención posible en calquera situación de sinistro”. Características técnicas dos vehículos Unha vez adquiridos, estes vehículos estarán a disposición do futuro Consorcio de Bombeiros de Lugo, que ten previsto iniciar o seu funcionamento con cinco parques de bombeiros –nas localidades de Viveiro, Vilalba, Sarria, Chantada e Barreiros-, de xeito que prestarán o seu servizo no ámbito xeográfico provincial. Segundo establece o texto do convenio, os vehículos deben ser bombas nodrizas pesadas, cun motor diésel de potencia mínima de 280CV, tracción de 4x2 e cabina abatible cara adiante sinxela e metálica con dúas portas, tres prazas e cristais de seguridade. O vehículo disporá de todos os elementos de iluminación e sinalización que esixen as normas da UE, así como os elementos específicos da instalación contraincendios, tanto luces e faros como sereas. A carrocería disporá polo menos dous armarios laterais e un traseiro central. No seu compartimento central aloxarase a bomba contra incendios e a debandoira de primeiro socorro. A cisterna de auga terá unha capacidade mínima de 8.000 litros e deberá estar fabricada en material anticorrosivo e apto para o transporte de auga potable. No seu interior montaranse tabiques diques para evitar movementos inadecuados do líquido no seu interior. A bomba, pola súa banda, deberá ser centrífuga e construída en material anticorrosivo, resistente á auga do mar e cun eixe de aceiro inoxidable. Así mesmo, ten que poder funcionar co vehículo parado e durante os seus desprazamentos. Cada vehículo estará equipado cun terminal de comunicacións móbiles da rede Trunking da Xunta de Galicia, con GPS incorporado para o envío automático de datos por esta rede a unha base remota e conectores e interfaces necesarios para a súa conexión co transceptor. Tamén contarán cun pulsador para conmutar as canles de radio convencionais e permitir así a súa operación noutras redes de radiotelefonía móbil. O futuro Consorcio farase cargo do manexo, mantemento e eventuais reparacións dos vehículos, así como da obriga de tomar ao seu cargo una póliza de seguros que cubra todos os riscos que poidan derivarse da circulación do mesmo, das súas actuacións e dos seus ocupantes. Estes poderán ser asignados ao parque comarcal que as partes asinantes do convenio decidan de común acordo.