Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación inaugura en Viveiro un monolito adicado a Noriega Varela

Gómez Besteiro destacou o compromiso do poeta a favor da nosa cultura e dos nosos dereitos

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou este venres en Viveiro un monolito que rinde homenaxe ó escritor e poeta Antonio Noriega Varela. No acto de inauguración, no que tamén estiveron presentes a Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, o Alcalde de Viveiro, Melchor Roel Rivas, o Alcalde de Mondoñedo, Manuel Orlando González Cruz e Santiago Noriega Fernández, en representación da familia Noriega Varela, Gómez Besteiro destacou o labor do homenaxeado como “un home moi comprometido coa sociedade e, sobre todo, co movemento agrario. Proba disto son os numerosos poemas que nos deixou e nos que alentaba ós labregos na loita agraria”. O titular do organismo provincial acompañado do resto de autoridades, desprazouse a pé ata os Xardíns “Noriega Varela” donde procedeu á inauguración da escultura. Gómez Besteiro lembrou que a semana pasada o Pazo de San Marcos acolleu a entrega do Premio Otero Pedrayo, que este ano lle foi concedido a Francisco Javier Río Barja e “hoxe estamos premiando a outro lugués que traballou a reo pola nosa cultura e polos nosos dereitos”. Noriega Varela naceu en Mondoñedo e residiu en Viveiro durante os últimos anos da súa existencia. Ó longo da súa vida e obra manifestou un gran compromiso contra as inxustizas que imperaban a finais do século XIX e principios do XX. “En contra do caciquismo e afín á humildade, Noriega Varela é un exemplo para todos nós, e debe selo para os que temos a oportunidade de tomar decisións que melloren a calidade da provincia e dos seus Concellos”, subliñou o titular da Deputación. Na inauguración do monolito, que supón o colofón dos actos organizados polo Concello de Viveiro no Ano de Noriega Varela, o Presidente do organismo provincial destacou que “2008 será o Ano da Suma. Entre todos debemos Sumar Esforzos, para que seguindo o exemplo do poeta que hoxe homenaxeamos, evitemos que a nosa cultura e as nosas tradicións esmorezan”. Neste senso, Gómez Besteiro incidiu en que “os políticos deben servir de canle de comunicación entre os nosos cidadáns, escoitar as súas peticións e atender as súas necesidades. Creo que con actos coma este estamos contribuíndo a que 2008 sexa un ano que marcará un antes e un despois no devir desta comarca e no de toda a provincia”. A Banda de Música viveirense pechou o acto de inauguración coa interpretación do Himno Galego. A continuación o Concello de Viveiro ofreceu un almorzo ós familiares, autoridades e invitados nun restaurante da localidade mariñana.