Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo recibe case 3 millóns de euros para a posta en funcionamento dun dos proxectos europeos presentados ó MAP

Lugo pacto provincial polo emprego é o primeiro proxecto concedido dos catro presentados pola institución luguesa ó Ministerio de Administracións Públicas

A Deputación de Lugo recibe preto de 3 millóns de euros para a posta en marcha dun dos catro proxectos europeos presentados pola institución luguesa ó Ministerio de Administracións Públicas. Lugo-pacto provincial polo emprego, promovido e impulsado polo INLUDES, é o primeiro dos proxectos concedidos polo MAP a través do programa de axudas do Fondo Social Europeo para o periodo 2007-2013. Deste xeito, a Deputación de Lugo é a segunda institución galega, despois da homóloga coruñesa, máis beneficiada pola primeira resolución da Secretaría de Estado de Cooperación Territorial. O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, quen amosou a súa satisfacción e loubou o traballo realizado por Lara Méndez, destacou que “hoxe é un gran día para a provincia de Lugo, porque ademais concédesenos un proxecto que vai destinado a fomentar o emprego, e que cobra máis importancia se cabe, se temos en conta que estamos nun momento de axuste económico”. En Galicia aprobáronse un total de once proxectos que contarán cunha subvención de 20,7 millóns de euros e que beneficiarán a 4.992 desempregados. No caso do Fondo Social Europeo, a aportación que lle corresponde ó MAP é do 80%, mentres que o 20% restante ten que ser aboado polas administracións correpondentes. Con estas cifras, o organismo provincial de Lugo terá que aportar 700.000 euros que se suman á cantidade outorgada polo Ministerio. Lugo-pacto provincial polo emprego, impulsado pola institución provincial, a través do INLUDES, e dirixido pola Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, ten como obxectivo promover a inclusión social e a inserción sociolaboral dos colectivos máis desfavorecidos levando a cabo actuacións que favorezan o emprego estable e de calidade na provincia. Para cumprir con este obxectivo, a Deputación colaborará con distintos axentes sociais e institucións económicas que permitan establecer políticas de emprego garantido a igualdade de xénero e de oportunidades. A este respecto, Gómez Besteiro subliñou que “é un proxecto importante non só pola cuantía senón porque vai destinado a desempregados, a mulleres e a colectivos desfavorecidos desde unha perspectiva baseada na igualdade de oportunidades”. O seu ámbito de actuación abarca os 66 Concellos da provincia, agás o de Lugo por ser o único que supera os 20.000 habitantes. Conta cun amplio consenso e respaldo social. Deste xeito, no mesmo traballarán a Confederación de Empresarios de Lugo, UXT, CCOO, GIG e e colaborán a Universidade de Santiago de Compostela, a Fundación CEL, o Concello de Lugo e a Consellería de Traballo. O período de execución son 36 meses e está destinado a xóvenes, desempregados, persoas maiores de 45 anos e parados de longa duración. Asimesmo, inclúe a posta en marcha de cinco cursos “que permitirán acadar mellores condicións para conseguir un emprego”. O Presidente subraiou que este programa redundará en beneficio das profesións máis comúns como son a de auxiliar de axuda a domicilio, gobernante de hotel, camareiro, traballador forestal, programador de aplicacións informáticas, electricista de edificios, mecánico de vehículos lixeiros, conductor de camións e de autobús. Cada curso terá un máximo de 12 prazas. Para a elaboración deste proxecto tivéronse en conta as experiencias novidosas existentes tanto en España como en Europa. O resultado que se pretende acadar é a inserción laboral de 225 mulleres e de 45 homes.