Deputación de Lugo

A Deputada de Economía ratificou o apoio da Deputación ó Campus de Lugo

Regina Polín participou na presentación do Máster en Industria e Economía Leiteira que entrará en funcionamento o vindeiro curso

A Deputada de Economía e Facenda, Regina Polín, participou este xoves na presentación do Máster en Industria e Economía Leiteira que se inclúe dentro do Programa Oficial de Posgrao en Industrias Leiteiras, proxecto que a Universidade de Santiago de Compostela ofrecerá o vindeiro curso académico. Regina Polín, que amosou a súa satisfacción tanto a nivel persoal como político por participar na presentación, destacou que “para a Deputación é un pracer colaborar de novo coa Universidade. Desta volta é por un proxecto que responde ás necesidades da industria láctea, na que a innovación e a transferencia do coñecemento é esencial para o desenvolvemento e a competitividade do sector”. A responsable de Economía subliñou que a Deputación ten razón de ser cando promove iniciativas coma este Máster, “unha plataforma que abre novos horizontes e que intenta poñer ó servizo da sociedade e do sector o coñecemento adquirido ó longo de anos de experiencia no Campus lugués”. Galicia xera máis do 35% da produción láctea nacional, da que unha boa parte corresponde ós 6.000 gandeiros existentes en Lugo, cifras que, segundo subraiou a titular de Economía, “poñen de relevo a importancia que ten este sector na economía da provincia, e que a Deputación debe ter en conta. A institución provincial está implicada na posta en marcha do Plan Estratéxico da provincia –o primeiro destas características-, no que o sector agrogandeiro xogará o papel que merece”. Deste xeito, Polín ratificou o compromiso que ten a Deputación de Lugo coa formación e, por tanto, co Campus de Lugo. A responsable provincial lembrou que dentro da aposta por apoiar a rendibilidade das explotacións existentes, a Deputación de Lugo creará no ano 2009 un centro de recría na Granxa Gayoso Castro. “Trátase dun proxecto ambicioso e innovador que converterá a Granxa nun centro rendible para todo o sector agrogandeiro da provincia. Un dos piares que garantirán o éxito deste proxecto será a innovación e formación de futuros profesionais, polo que desde a Deputación de Lugo seguiremos colaborando co campus lugués ofrecendo prácticas ós estudantes, xa que o Centro do que lles estou a falar é un lugar axeitado para que os universitarios poidan levar á práctica os coñecementos adquiridos”. Ampliando a oferta académica En Lugo colaboran no Máster en Industria e Economía Leiteira tres centros, a Facultade de Ciencias, a Escola Politécnica Superior e a Aula de Produtos Lácteos. Está destinado ás titulacións de Enxeñeiro Técnico Agrícola na especialidade de Industrias Agrarias e Alimentarias, Enxeñeiro Agrónomo na orientación de Industrias Agroalimentarias e á licenciatura en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, aínda que tamén está aberto a todas as titulacións afíns ó sector. Estruturarase en catro módulos distribuídos ó longo de dous anos, cursando un total de 120 créditos. Os bloques de estudo centraranse na orixe e caracterización da materia prima, na tecnoloxía do leite e os produtos lácteos, a calidade e a seguridade alimentaria e a planificación, xestión e comercialización. Os módulos teóricos complementaranse con outras actividades pedagóxicas como o estudo dunha lingua, que pode ser o inglés ou o francés en Lugo e o español ou o inglés en Rennes. Os alumnos realizarán tamén unha estadía dun mes ó finalizar o primeiro módulo nunha explotación, nunha empresa ou nun laboratorio. O período teórico rematará cunha estancia de tres meses nunha empresa, para rematar o programa cunha colaboración e defensa oral dun proxecto ou traballo. Este programa oficial de Posgrao conta coa participación de máis de 80 profesores de distintas disciplinas enmarcadas na actividade de 21 departamentos da Universidade de Santiago de Compostela e do Departament Agroalimentaire do Agrocampus Rennes. Este novo POP foi presentado na Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo por parte do Vicerreitor, Carlos Herrero, e do responsable do programa francés, Romain Jeantet. Tamén estiveron presentes representantes das institucións que colaboran economicamente con este proxecto. Tanto a USC como o centro francés contan con diferentes grupos de investigación punteiros que levan desenvolvemento proxectos que van desde a investigación báscia ata os estudos máis aplicados a este sector productivo.