Deputación de Lugo

A Deputación iniciará nos vindeiros días obras de 180.000 euros na Pobra, A Pontenova e Barreiros

A Xunta de Goberno aprobou ás contas xustificativas de 9 obras nos Concellos de Sarria, O Páramo, Monterroso, Becerreá e Cospeito por valor de 109.000 eurosA institución amplía 1 mes o prazo para que os Concellos de menos de 5.000 habitantes executen 59 obras para as que a Deputación achega máis de 1 millón de euros

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, avanzou este venres que a Deputación iniciará nos vindeiros días obras por valor de 180.000 euros nos Concellos da Pobra do Brollón, A Pontenova e Barreiros. Martínez fixo este anuncio logo de que a Xunta de Goberno acordase o último trámite necesario para o inicio destes traballos: a aprobación dos plan de seguridade e saúde.

A institución acondicionará os accesos en Abrance, A Pobra, Pinel e do pavillón deportivo da Pobra de Brollón. Estes traballos, para os que o organismo provincial achega 55.700 euros, estarán rematado en 2 meses. No caso da Pontenova, habilitarase de rede de saneamento e pavimentarase a zona rural de Sanxés, na parroquia de Bogo. A Deputación inviste nestas actuacións, que estarán finalizadas no prazo de 2 meses, 72.530 euros. Por último, en Barreiros, a institución achega 50.000 euros para a pavimentación da rúa que dá acceso ás vivendas sociais emprazadas ó norte da N-642.

A Xunta de Goberno aprobou ademais, as contas xustificativas de 9 obras do Plan de Comunidades Veciñais acometidas nos Concellos de Sarria, O Páramo, Becerreá, Cospeito e Monterroso por valor e 109.000 euros. Desta cantidade, a institución aportou 81.700 euros e os colectivos os restantes 27.300 euros. As actuacións realizadas foron as seguintes: acondicionamento do local social na parroquia de Santa María de Vilar (Sarria); acondicionamento do local social en Paredes (O Páramo); mellora do camiño da fonte en Vilarmosteiro (O Páramo); acondicionamento de camiños en Vileiriz (O Páramo); formigonado do camiño da igrexa en Liber (Becerreá); construción do local social, depósito de auga e escolleira en Agüeira (Becerreá); renovación da cuberta da igrexa en Becerreá; pintado interior e torre da igrexa de Xermar (Cospeito); formigonado do núcleo de Seixós (Monterroso).

Plan de Pequenas Infraestruturas

Martínez explicou que neste momento a Deputación tamén está a aboar as subvencións de 2011 do Plan de Pequenas Infraestruturas para Concellos de menos de 5.000 habitantes, conforme os municipios entregan a xustificación das obras. Segundo estes datos, a día de hoxe están rematados o 33% dos traballos. Martínez avanzou que “co obxectivo de garantir a realización do 100%, un total de 59 obras que en principio debería estar listas o 15 de setembro, ampliamos en 1 mes o prazo de execución”. Isto supón que, os 54 Concellos beneficiados desta última convocatoria poderán pedir unha prórroga, dirixíndose ó departamento de Cooperación cos Concellos da institución.

O tamén Deputado de Xestión Territorial salientou que “tomamos esta medida, conscientes da importancia destas axudas xa que supoñen unha inxección de cartos para os Concellos neste momento de crise, contribúen a manter centos de postos de traballo nun sector tan castigo como o da construción e logran crear novos servizos ós veciños, aforrando estes custes ás arcas municipais”.

Obras por valor de 5,3 millóns de euros

Dende que a Deputación puxo en marcha en 2008 o Plan de Pequenas Infraestruturas para Concellos de menos de 5.000 habitantes, leváronse a cabo 200 obras nos 54 municipios que se atopan dentro deste grupo, por valor de 5,3 millóns de euros. Desta cantidade, a Deputación aportou o 70% e os municipios o 30% restante. Martínez indiciu en que “a boa acollida deste Plan nos Concellos que vén como outras administracións reducen ás súas aportacións, fixo que incrementásemos ano tras ano o seu investimento”. É que se en 2008 o presuposto foi de 700.000 euros, este ano ascendeu ó 1.042.307 euros, é dicir, aumentou en máis dun 30%.