Deputación de Lugo

Lara Méndez destacou a aposta da Deputación polo Medio Ambiente

A Vicepresidenta Segunda participou na inauguración do Congreso Provincial de Medio Ambiente que se desenvolve estes días na cidade

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, participou este luns na inauguración do XXXVI Curso de Saúde Ambiental-Congreso Provincial de Medio Ambiente que se desenvolve desde hoxe ata o 6 de xuño no Salón de Actos da Fundación Caixa Galicia. No acto, no que tamén estiveron presentes o Presidente da FEGAMP, Carlos Antonio Fernández Castro, o representante de Caixa Galicia, Sinesio Pérez Rodríguez, o Director do Congreso, Francisco Peña, e o Director Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Ramón Medina González-Redondo, Lara Méndez destacou a aposta que realiza a Deputación polo medio ambiente coa solicitude de proxectos europeos como LugO2, encamiñado a procurar o desenvolvemento dos Concellos incluídos nos espazos naturais protexidos da provincia, Paisaxes: Entornos Paisaxísiticos en Recursos Culturais Activos, que desde o punto de vista paisaxístico e histórico, recupera a antiga ruta de ferrocarril entre A Pontenova e Ribadeo e o denominado Arbórea no que o INLUDES traballa con outras institucións españolas e portuguesas para a creación de viveiros, reforestación de bosques, etc. A Vicepresidenta Segunda da Deputación subraiou, ademais, o traballo que o ente provincial levará a cabo coa Xunta de Galicia para que o Pazo de Tor sexa un dos referentes en España en materia de educación ambiental. Asimesmo, coincidindo coa celebración do Congreso, a Deputación de Lugo intensifica as súas actividades en materia medioambiental. Deste xeito, esta tarde 20 alumnos do Curso de Iniciación á Rede Internet, impartido polo Institituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social xunto coa Consellería de Traballo e financiado polo Plan FIP, visitaron o Centro de Interpretación Terras do Miño. Mañá martes, 3 de xuño, os asistentes do XXXVI Curso de Saúde Ambiental- Congreso Provincial de Medio Ambiente realizarán unha visita á exposición “A Reserva Terras do Miño. LIC Parga-Ladra-Támoga. O Programa LIFE-Natureza” promovida polo INLUDES, que durante os días da celebración do Congreso permanecerá na Capela de Santa María en horario de 10:00 a 14:00 horas e a distintos puntos da Reserva da Biosfera Terras do Miño. INTERVENCIÓN LARA MÉNDEZ Autoridades, señoras e señores, boas tardes a todas e todos: Para mín é unha satisfacción, como representantes da Deputación, participar na inauguración deste Congreso sobre Medio Ambiente. Non debemos esquecer que o 55 % do territorio da nosa provincia é Reserva da Biosfera. Tres zonas dispoñen desta distinción que outorga a UNESCO: Terras do Miño- primeira Reserva declarada en Galicia no ano 2002 e a segunda máis grande da Península Ibérica- Ancares e Río Eo, Oscos-Terras de Burón. Esto supón un recoñecemento ós valores mediambientais e paisaxísticos de Lugo e tamén un gran reto. Todos-administracións, iniciativa privada e veciños- debemos implicarnos no desenvolvemento sostible de Lugo. A Deputación fai unha aposta decidida polo Medio Ambiente, de aí que un dos nosos retos, impulsado polo Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, sexa facer de Lugo un destino medioambiental cunha marca clara de provincia. Este compromiso medioambiental reflíctese nos orzamentos provinciais de 2008 e en importantes proxectos para os que vimos de solicitar fondos europeos. O máis ambicioso é o denominado Lugo O2 que vai encamiñado a procurar o desenvolvemento dos Concellos incluídos nos espazos naturais protexidos da provincia, poñendo en valor os recursos naturais e sensibilizando medioambientalmente ós seus habitantes e visitantes. Ademais desde o INLUDES, Instituto dependente da Deputación, promovemos outros importantes dous proxectos. Un deles é a posta en valor, desde o punto de vista paisaxístico e histórico, da antiga ruta do ferrocarril entre A Pontenova e Ribadeo. O outro, chamado Arbórea, e no que o INLUDES traballa con outras institucións españolas e portuguesas, pretende a creación de viveiros, reforestación de bosques e recuperación de solos e recursos hídricos. Tamén estamos a traballar coa Xunta de Galicia para que o Pazo de Tor sexa un dos referentes en España en 4 ámbitos: naturaza, caza, pesca e educación ambiental. Para rematar quero felicitar ós organizadores polo esforzo feito. Estou convencida de que o encontro será todo un éxito. Moitas grazas !!!!!