Deputación de Lugo

A Deputación recibirá proximamente a contestación do Concello de Barreiros para a legalización do parque de bombeiros

A Xunta de Goberno aprobou os pregos para a compra de cinco vehículos destinados ó Consorcio da rede provincial de bombeiros

A Deputación remitiu hai dous meses ó Concello de Barreiros o expedente para a legalización do edificio que albergará o parque de bomberios desta localidade, e o goberno deste municipio da Mariña comunicou esta mesa semana á institución provincial que dará unha resposta de xeito inminente, segundo sinalou o voceiro do grupo provincial socialista, Antonio Gato. Con respecto á posta en funcionamento desta dotación, Gato Soengas dixo que “nos atopamos cunha dificultade importante que herdamos do anterior goberno do PP, xa que as obras deste edificio carecen de licenza municipal e, por tanto, son ilegais”. O voceiro do PSOE afirmou que “o goberno do PP non só non dotou á provincia de parques de bombeiros senón que o pouco que fixo, fíxoo mal”. Tamén sinalou que “a Deputación, que ten excelentes relacións co Concello de Barreiros, elaborou e remitiu o expedente de legalización, e estamos seguros de que o vai aprobar”. Antonio Gato fixo este anuncio na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno na que se aprobaron os pregos de cláusulas administrativas, así como a súa tramitación urxente, para a subministración de cinco vehículos destinados ó futuro Consorcio. O presuposto inicial para a adquisición de cada unha destas bombas nodrizas pesadas – destinadas ós parques de Viveiro, Barreiros, Vilalba, Sarria e Chantada- é de 193.800 euros. Gato Soengas subliñou que “hai tan só unha semana o Consello da Xunta de Galicia acordaba preto dun millón de euros para o financiamento destes vehículos, e hoxe a Xunta de Goberno da Deputación aprobou os pregos para a súa compra, o que é un claro exemplo de eficacia”. Outros acordos da Xunta de Goberno A Xunta de Goberno tamén aprobou a proposta de adhesión da Deputación , como membro asociado, á Fundación Galicia-Europa “outro exemplo de rapidez, xa que esta decisión foi anunciada este mesmo luns durante a visita a Lugo do Secretario Xeral de Relacións Exteriores da Presidencida da Xunta, Julio Fernández Mato”. A Deputación aportará cada ano 27.073 euros a esta Fundación que “foi creada para propiciar o achegamento entre Galicia e Europa”, apuntou Gato Soengas. Ademais, na xuntanza deste venres abordáronse varias cuestións relativas a expropiacións en estradas de Cervo, do POL 2005; Lourenzá, do POS 2004; e Portomarín, do POS 2006. Aprobouse o expedente de resolución contractual da obra de ampliación do cemiterio de Guldriz e acondicionamento do seu entorno e acceos¸así como as contas xustificativas de dúas obras do Plan de Cooperación de Comunidades Veciñais de 2007 nos Concellos de Vilalba e Palas de Rei que suman un presuposto de 18.700 euros e unha subvención, por parte da Deputación, de 12.000 euros. Sistema Provincial de Recadación Por outra banda, o voceiro socialista e Deputado da Área de Cooperación cos Concellos anunciou que o Orzamento da Deputación de 2008 contempla unha partida de 230.000 euros para contratar traballos de consultoría e asistencia técnica para a realización de funcións de xestión catastral. “Estamos agardando que a Dirección Xeral do Castastro aprobe o convenio que xa conta co visto e prace do Pleno da Deputación, e que ten por obxectivo que os Concellos da provincia, especialmente ós que dispoñen de menos recursos, incorporen o IBI naqueles casos que agora non tributan”. Gato tamén sinalou que os Presupostos destinan 1.198.000 euros ó capítulo de persoal do Serivizo Provincial de Recadación “para dar resposta á reestruturación necesaria co obxectivo de asumir as novas competencias delegadas polo Concellos da provincia”.